O desemprego baixa 1,2% na Galiza mais a CIG alerta: "A contratación indefinida descende"

"Os datos do paro constatan a necesidade de derrogar as reforma laborais e un cambio no modelo de contratación", indican desde o sindicato nacionalista.

A CIG cre que os datos do desemprego agochan unha faciana menos positiva (Foto: Europa Press).
photo_camera A CIG cre que os datos do desemprego agochan unha faciana menos positiva (Foto: Europa Press).

O mes de xullo rematou na Galiza cun total de 127.445 persoas desempregadas, 1.579 menos que en xuño (-1,22%). No mesmo período, a afiliación á seguridade Social medrou 1,4%, alcanzando 1.082.126 de persoas afiliadas de media no mes de xullo.

Mais a afiliación ao réxime xeral, e por tipo de contrato e xornada, “mostra unha faciana menos positiva: a contratación indefinida descende, en conxunto, e medra a temporal, amosando que se trata dunha situación meramente conxuntural, ligada a época do ano”, segundo a Confederación intersindical Galega (CIG).

Por iso, o secretario confederal de Emprego do sindicato, Francisco González Sío cuestiona a “excesiva efusividade” do Estado español á hora de analizar os datos do emprego, sobre todo a partir da reforma laboral de 2021. Fronte a iso, lembra os recentes datos da EPA e as conclusión tiradas por Eurostat, segundo o que “temos a taxa de paro máis elevada de toda Europa e que esta é, ademais, o dobre que na media da UE, mesmo por diante de Grecia”. Situación que contrasta con países como Alemaña, o Estado máis afectado pola carestía da enerxía, que ten, porén, pleno emprego, cunha taxa de paro de 3%.

Entende ademais que, por unha parte, os mellores datos que se están dando no Estado seguen a tendencia de descenso do desemprego da UE, mais que “se está dando en peores condicións que no resto de países”.

Cambio de modelo económico

Fronte a isto, o secretario confederal de Emprego considera que o que se precisa é un cambio de modelo económico, á vista de que, de novo, 80% dos contratos asinados en xullo foron no sector Servizos.

Nese sentido lembra que o propio Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE), cando fala das 10 actividades económicas co maior número de contratos na Galiza, sempre sinala comercio a por menor, comercio a por maior, servizo de comidas e bebidas ou almacenamento e transporte, entre outras. Actividades que se corresponden co sector onde “maior precariedade hai”, do que tira sobre todo o turismo, mentres que, pola contra, só 12% dos contratos neste mes foron no sector Industrial.

Diante disto denuncia que tanto o Estado, como Galiza se están convertendo “nun deserto industrial”, precisamente o sector polo que habería que apostar nese novo modelo “para que se creen empregos de calidade e non precarios e con baixos salarios como agora”.

Neste sentido apunta tamén a inxente cantidade de diñeiro que estáa entrando dos fondos Next Generation, que debería destinarse á dixitalización e a acometer o necesario cambio de modelo económico mais que, na Galiza, diríxense a fomentar as actividades máis precarias.

González Sío afirma que “é fundamental non facer tanta propaganda, por parte do goberno do Estado, e intentar crear emprego de calidade, con mellores condicións”. Así, denuncia que temos emprego parcializado; que os contratos fixos descontinuos e os contratos a tempo parcial son a maioría e que representan 60% da contratación indefinida que se fai. Unha situación que está a provocar “unha caída de rendas, que se vén sumar á grave erosión do poder adquisitivo provocada pola alza dos prezos e dos xuros das hipotecas, mentres as marxes empresariais non deixen de crecer”.

Fenda de xénero

Canda isto, González Sío subliña a fenda de xénero que persiste á vista de que 60% das persoas desempregadas son mulleres, de que o paro descendeu máis entre os homes que nas mulleres e de que o emprego ao que acceden é en actividades feminizadas con condicións precarias. “Son as compañeiras as que sofren os peores salarios e contratos a tempo parcial e tamén como son as que sofren o paro en maior intensidade que os homes”.

Fronte a isto considera que “o Estado debería atacar de forma contundente esta situación” e denuncia que nin sequera se garanten as condicións mínimas, con negociación colectiva, para as empregadas do fogar, tal e como se asinou no Convenio.

Fracaso da reforma laboral

O secretario confederal de Emprego conclúe, diante desta situación, que a reforma de 2021 “é un fracaso” porque “non dá estabilidade á clase traballadora, parcializa o traballo e a negociación colectiva segue estando igual que estaba antes dela. Só nas zonas do Estado nas que a clase traballadora ten capacidade de loita é capaz de cambiar es tendencia de emprego precario e baixos salarios”.

Comentarios