A CIG e a CUT rexeitan outro ERTE en Stellantis

O anuncio do director da factoría viguesa de automoción, Ignacio Bueno, creou alarma na factoría. Para os sindicatos é unha medida inxustificada.
O grupo Stellantis (antiga PSA) ensambla en Vigo as baterías dos modelos eléctricos que se fabrican nas plantas españolas (Foto: Stellantis).
photo_camera O grupo Stellantis (antiga PSA) ensambla en Vigo as baterías dos modelos eléctricos que se fabrican nas plantas españolas (Foto: Stellantis).

A dirección da planta viguesa de Stellantis (antes PSA Peugeot Citroën) anunciaba esta pasada cuarta feira que "con toda seguridade", haberá que negociar un novo expediente de regulación temporal de emprego (ERTE) en 2022 para afrontar as incidencias na produción derivadas da crise dos microchips.

O director da factoría, Ignacio Bueno, sinalaba en rolda de prensa que a súa previsión era que eses problemas de aprovisionamento de compoñentes se prologarían até "principios do ano que vén". 

Oposición da CIG e a CUT

Desde a CIG e a CUT a reacción a estas declaración foi inmediata. "Con que alegría se toma unha decisión que non vincula o persoal, máis ben son decisións das compañías que externalizan a fabricación de compoñentes e logo a proposta é que os traballadores pasemos a un ERTE", sinalaba o secretario da sección sindical da CIG en Stellantis, Manuel Domínguez, a Nós Diario

Desde a central nacionalista rexeitan esta medida e piden "responsabilidade" nas estratexias que poñen en marcha. Para Domínguez, sería negativo, e pregúntase "se sería igual ao que temos agora, que discrimina o 54% do cadro de persoal, que os días que non traballa non cobra" ou "un onde o resto do persoal perde o 20% do salario".

Este sindicalista non atopa coherencia a que ao mesmo tempo que fan estes anuncios "pidan axudas á Xunta para as súas necesidades industriais". 

Desde a CUT, a través dun comunicado, mostran a súa "total oposición" a esta medida. "Cun ERTE xudicializado e aínda en vigor, non entendemos desde esta parte a necesidade de que se faga outro". Para este sindicato, a medida anunciada e o momento elixido -a presentación das axudas públicas que vai recibir Stellantis por valor de 12,2 millóns de euros-, son "unha falla de respecto".

Por este motivo, critican que "de novo a Xunta reparte cartos públicos sen compromisos de emprego ou melloras nas condicións laborais, sociais e económicas das persoas traballadoras".

A CUT, por último, demanda que desde o Goberno galego se exixa "contraprestacións claras" á multinacional "porque o diñeiro de todas e de todos vai ir para mellorar unicamente as instalacións da empresa  desde o punto de vista do útil industrial, non para reducir os ritmos de traballo".

Comentarios