Stellantis anuncia cinco novos paros até final de mes pola crise dos 'microchips'

Os traballadores temen que a inestabilidade na produción na factoría viguesa de Stellantis poida persistir até final de ano.
Liña de montaxe de furgonetas (na imaxe unha Opel Combo) está a ser unha das máis afectadas polos paros marcados pola empresa (Foto: Stellantis)
photo_camera A liña de montaxe de furgonetas está a ser unha das máis afectadas polos paros marcados pola empresa (Foto: Stellantis)

A dirección da planta de Vigo do grupo Stellantis (antiga PSA) anunciou esta semana novos paros nas súas liñas de produción como consecuencia dos problemas de subministración pola chamada crise dos 'microchips'.

De momento só están confirmados o dos vindeiros 13 e 14 de xuño (domingo e segunda feira), que afectarán aos dous sistemas, tanto o que monta as furgonetas como o que monta os modelos C-Elysée de Citroën e 301 e 2008 de Peugeot. A produción volverá na terza, 15 de xuño, coa incorporación da quenda B en horario de mañá.

Xunto a estes paros, a empresa prevé que ambos os sistemas volvan parar na quenda de noite do 23 de xuño e nas quendas de mañá e tarde da quinta feira 24, así como a xornada completa da cuarta feira 30 de xuño.

Desde a sección sindical da CUT en Stellantis cren que esta situación de paros intermitentes vai seguir até as vacacións ─a planta fecha en agosto─, mais confía en que nese período que permaneza a factoría fechada, a dirección poida facer provisión de semicondutores para arrincar "con certa normalidade" á volta das vacacións. Con todo, temen que a produción sexa "irregular" de aquí a final de ano. 

Sobre os novos paros anunciados, o sindicato advirte de que "adiantar datas non garante que se vaian cumprir". De feito, chámalles a atención as datas escollidas e temen que, se ben desta vez cumpriron co preaviso, se toca finalmente traballar nas datas indicadas, aínda non confirmadas, a empresa non avise coa suficiente antelación

Lavado de cara

Neste senso, os seus compañeiros da central sindical da CIG denuncian que "as cousas seguen mal", polo trato discriminatorio que reciben as traballadoras e traballadores a tempo parcial, "sen ningún tipo de acompañamento social en todos estes días de parada", e coa empresa "incumprindo a lexislación" no tema dos preavisos.

Aínda que desde a CIG recoñecen que desta vez a dirección avisou con tempo, sospeitan que o cambio de actitude pode ter que ver coa denuncia presentada no seu día e coa resolución na que o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza lles deu a razón e que a empresa recorreu. "Quererá lavar a cara ante o xuízo e cubrir as formalidades, de aí que agora empece a preavisar", apuntan.

O papel da Xunta

Esta semana, preguntado no Parlamento pola situación do sector da automoción na Galiza, o conselleiro de Economía, Francisco Conde, afirmaba a necesidade de apostar no sector e dar amparo e sustento a Stellantis. Mais os traballadores lémbranlle ao titular de Economía que quen está a sufrir as consecuencias da falta de semicondutores non é precisamente a empresa, que vén de marcar 14% de incremento de beneficio con respecto ao ano anterior, senón os traballadores e traballadoras.

Neste senso, avogan por empezar a falar de investimentos, de novas plantas de cara ao novo modelo de vehículo, de hidróxeno ou baterías, e animan a Xunta a deixar de lado as subvencións a Stellantis, sen compromisos de emprego ou formación asociados que garantan un futuro ao sector da automoción na Galiza. 

Comentarios