venres 24/09/21

Stellantis volve parar a produción en Vigo a semana que vén

A dirección da planta comunica ao persoal do sistema 2, o que fai as furgonetas, que volverá parar a próxima segunda feira até final de semana.
Unha traballadora na liña de produción de Stellantis en Vigo (Foto: Stellantis).
Unha traballadora na liña de produción de Stellantis en Vigo. (Foto: Stellantis).

Stellantis segue a padecer as consecuencias da chamada 'crise dos microchips'. A falta de compoñentes, que fixo parar esta semana ao sistema de montaxe número 2, cuxo persoal se reincorporou ao traballo esta  sexta feira ─un día máis tarde do previsto inicialmente─, volverá provocar novos paros na semana que entra na factoría de Balaídos (Vigo).

Segundo trasladou a dirección da planta aos traballadores e traballadoras, Stellantis volverá suspender parte da súa actividade ao persistir os problemas de aprovisionamento pola falta de compoñentes con semiconductores ('microchips').

Trátase dunha parada "por causa de forza maior", explica a compañía, que afectará novamente ao sistema 2, o que monta as furgonetas para Opel, Peugeot, Citroën e Toyota e os monovolumes, que verá suspendida a súa produción desde esta segunda feira ás 6,00 horas. A previsión da empresa é que a actividade se poida retomar na quenda de mañá do xoves, aínda que visto o acontecido esta semana, non se descarta que os paros se poidan alongar máis aló da data facilitada pola dirección da planta.

As paradas de produción na factoría viguesa veñen repetíndose desde hai meses por problemas de aprovisionamento e, de feito, desde que o persoal volveu das vacacións de verán, o sistema 2 estivo sen actividade 15 días, aos que haberá que sumar os da próxima semana, mentres que o sistema 1, que monta os turismos Peugeot 2008, Peugeot 301 e Citroën C-Elysée, suspendeu a súa produción outros 4 días.

A representación dos traballadores leva meses criticando a falla de previsión de Stellantis e a escasa marxe coa que avisan dos paros, o que en moitos dos casos impide conciliar a vida laboral e familiar xa que, como denuncian, aínda estando parados teñen que chamar á planta para confirmar se ao día seguinte hai actividade. 

O persoal reincorporouse das vacacións a mediados de agosto coa esperanza de que a empresa tivese aproveitado para aumentar o subministro de compoñentes.

Porén, os problemas de abastecemento están a marcar a actividade dunha planta que xa suma máis dun mes sen actividade, sumando todos os días que estivo parada. E o peor é que desde o sector apuntan que este problema pode continuar en 2022. 

comentarios