Aprazado o xuízo contra o ERTE aplicado en Stellantis de Vigo

A maxistrada do Xulgado do Social 6 de Vigo aprazou o xuízo contra o ERTE aplicado na planta de Stellantis. Un atraso da representación sindical por outro xuízo contra a multinacional impediu a súa realización. Desde a CIG censuran a negativa da empresa a pospoñer a sesión pola importancia do que foi aprazado.
Concentración diante dos xulgados de Vigo (Europa Press).
photo_camera Concentración diante dos xulgados de Vigo (Foto: Europa Press).

O xuízo previsto para onte no Xulgado do Social 6 de Vigo contra o expediente de regulación temporal de emprego (ERTE) aplicado na planta de Stellantis (antiga PSA Citröen) para afrontar a falta de aprovisionamentos foi aprazado por un atraso de representantes do sindicato demandante, a CUT.

O secretario da sección sindical desta central na fábrica, Víctor Mariño, explicou que esta vista estaba prevista ás 12 horas, mais un atraso da representación da central por outro xuízo, tamén contra Stellantis, que a multinacional non quixo suspender, impediu que chegaran a tempo. O líder sindical criticou que Stellantis non quixera suspender a realización da sesión anterior, o que provocou que a maxistrada optara polo seu aprazamento sen data fixa para a súa realización. 

Desde a CIG rexeitaron tamén que a empresa non accedese a aprazar o xuízo no que demandaban sobre a situación do persoal que levan “até 30 anos sen ascender de categoría”. Nun comunicado sinalan que malia que era importante “estabamos dispostos a pospoñer para que se fixera xustiza coas e cos traballadores a tempo parcial discriminados por este ERTE 2021”

Protesta diante dos xulgados

Traballadoras e traballadores concentráronse diante dos xulgados hoxe mesmo para denunciar a "precariedade" que, ao seu xuízo, provoca a aplicación do ERTE na planta e exixir a súa retirada.

O pasado mes de marzo, a factoría viguesa aprobara, co apoio dos sindicatos SIT-FSI, UXT e CCOO, un ERTE por causas organizativas e de produción, no marco do "problema conxuntural" da falta de pezas que afecta á industria de automoción.

As xornadas, daquela, poderíanse estabelecer entre o 5 de abril e o final de decembro cun máximo de 60 días laborais para cada operaria ou operario con contrato a tempo completo. 

Preguntado polos medios, o delegado sindical de CUT na planta, Pablo Martínez, considerou "pouco ético" que se aplicara un expediente de regulación de emprego por parte dunha empresa que "declarou 6.000 millóns de beneficios neste segundo semestre" e que "este ano repartiu 1.000 millóns de euros entre os seu accionariado".

Neste sentido, criticou que o grupo automobilístico "cargue ás arcas públicas cunha crise provocada pola súa avaricia", mentres o seu persoal perciben "salarios miserábeis". Ademais, denunciou a "precariedade" que causa o que se atopa en vigor, que "só protexe á empresa" e "deixa fóra á metade do persoal". Alén diso, denunciou o "abuso" da dirección ao notificar só con 24 horas de antelación as paradas, "cando a lei di 5 días".

Comentarios