venres 25/06/21

A CIG chama ao persoal de Inditex á folga polo "ERE encuberto"

A central sindical fixou un paro nesta segunda feira, 31 de maio, que afecta as tendas das marcas Oysho, Zara Home, Pull&Bear e Massimo Dutti da Coruña. Haberá unha concentración en protesta pola reestruturación do grupo que implica fechamentos ás 12 horas na praza de Lugo.
Unha tenda de Zara en Madrid. (Foto: Cézaro De Luca / Europa Press) #zara #zarahome #massimodutti #pull&bear #oysho #inditex #multinacional #arteixo #ere #laboral #protesta #despedimentos #cig #sindicato
Unha tenda de Zara en Madrid. (Foto: Cézaro De Luca / Europa Press)

Traballadoras e traballadores das firmas Oysho, Massimo Dutti, Zara Home e Pull&Bear, todas elas pertencentes á multinacional Inditex, están chamadas a unha xornada de folga a próxima segunda feira, 31 de maio, en protesta polo que a CIG considera un "ERE encuberto". Malia que a manifestación central terá lugar ás 12 horas na coruñesa praza de Lugo -onde hai comercios de todas estas marcas e algunha máis-, o sindicato insta ao paro a todo o persoal das distintas tendas de Compostela, Ferrol e Narón.

A central sindical fala de expediente de regulación de emprego pola previsión de acometer feches de estabelecementos e rescisións de contratos de cara ao anuncio do grupo de querer centrar maiores esforzos no "proceso de dixitalización das vendas".

"Este conflito haino que enmarcar no proceso iniciado pola multinacional a primeiros de ano e que en Galiza suporá o feche de 24 establecementos, dos que até o momento se materializaron 12", explican fontes sindicais.

Neste sentido, malia que si transcenderon algúns traslados, a CIG sostén que as despedidas "non van acompañadas dun proceso de recolocacións para as traballadoras e traballadores afectados, con garantías de mantemento dos empregos e das condicións laborais e salariais".

A respecto do cambio de postos, afirma que boa parte das prazas "non teñen un mínimo de calidade".

"A alternativa que teñen as traballadoras é acollerse a unha praza en peores condicións, algunhas con xornadas semanais ridículas ou con horarios que lle impiden conciliar, polo que ao final se ven obrigadas a marchar cunha indemnización mínima", lamenta o responsábel de comercio da CIG-Servizos da Coruña, Roberto Pérez. 

Ademais, acusa á multinacional de recorrer a "criterios arbitrarios, inxustos e incertos" para facer esta profunda mudanza na súa rede comercial a pé de rúa. "A consecuencia deste pésimo acordo é que as traballadoras das tendas que pechan antes teñen máis opcións de coller unha praza en mellores condicións que as das tendas que pechan máis tarde, con independencia da súa antigüidade ou da xornada que tiveran previamente", comenta, a modo de exemplo.

comentarios