O sector téxtil reduce empregos, maioritariamente feminizados, coincidindo coa crise da pandemia

Un dos sectores sinalados como emblema exterior da industria galega é o téxtil. A imaxe interior, pola contra, revive anteriores crises coa chegada da pandemia e os despedimentos e axustes de persoal están protagonizando o inicio de 2021. Desde sindicatos como a CIG ou UXT cren que as empresas aproveitan as circunstancias no seu propio beneficio. 
Mobilización na entrada das instalacións de Galicia Téxtil en Neda este pasado mes de xaneiro (Nós Diario)
photo_camera Mobilización na entrada das instalacións de Galicia Téxtil en Neda este pasado mes de xaneiro (Nós Diario)

A pandemia tamén está a afectar o sector téxtil galego. Máis alá de Inditex, como principal protagonista e do que depende un nutrido grupo de compañías auxiliares, outras pequenas e medianas empresas tentan subsistir aos cambios que impón o mercado. En marzo deste ano a multinacional de Amancio Ortega anunciaba perdas en 2020 de 7.884 millóns das súas vendas. Aínda que, pola contra, medraba no comercio a través de internet un 70%, cunha facturación de 6.612 millóns de euros. 

Desde a Confederación de Industrias Téxtiles da Galiza (Cointega) aseguran que as vendas, só no mercado estatal, reducían un 40%, ao redor de 600 millóns de euros, a súa facturación. O seu secretario xeral, Alberto Rocha, asegura a Nós Diario que "segue sen verse recuperación, confirmándose que o prezo continúa sendo unha variábel fundamental por parte dos consumidores". Constata "o cambio de hábitos na forma de compras, e mesmo no tipo de produto". De cara ao futuro, augura que "moitas empresas non conseguirán sobrevivir" pola "falta de flexibilidade á hora de poder axustar as estruturas". 

A eterna crise

Dores Martínez, da Fegamp-CIG, afirma que o téxtil leva "moitos anos cun problema grave que incide no mantemento do emprego no país e a deslocación". Para esta sindicalista "as patronais buscan deslocalizar cada vez máis na procura de man de obra barata" con independencia "das condicións en que se fabrican as prendas de roupa". 

Coa pandemia e a alarma sanitaria, Martínez cre que se "reforzou" esa actitude e pasouse a activar expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE) en "todos aqueles talleres auxiliares, unha gran parte con encargos de Inditex, que aínda non saben cando retomarán a normalidade". Polo camiño quedaron os que xa realizaron un expediente de regulación de emprego (ERE) ou empregaron a vía do concurso de acredores. "A perda de emprego no sector é alarmante e custa cuantificala", sinala a Nós Diario.

Un 2021 que comezou marcado polos ERE

Agora mesmo Adolfo Domínguez busca a redución dun 30% do seu persoal, coa destrución de 300 empregos, no ERE que negocia cos sindicatos. Bimba y Lola botou man dun ERTE como consecuencia do fechamento das tendas e a cadea sueca H&M anunciou, tamén, o feche de estabelecementos.  En resposta a esta última, en Ourense convocáronse mobilizacións como a do vindeiro 8 de maio, cunha xornada de folga de 24 horas. Están afectadas 20 persoas, mais "sería difícil calcular o impacto colateral que esta inxusta medida tería".

En marzo, a situación da empresa Galicia Téxtil pasou mesmo polo Parlamento galego a través dunha Proposición non de lei, que foi rexeitada polos votos en contra do PP. 

A representación sindical solicitaba a impugnación do ERE e a revisión dunha concesión á empresa dun aproveitamento hidráulico no río de Xuvia se continuaban cos despedimentos de 13 persoas dun cadro composto por 30 traballadoras e traballadores. O delegado sindical de UXT nesta empresa, Jesús Pérez, afirma que a situación "é mala", mais non tanto como "queren que vexamos". 

Apunta a Nós Diario que esta e outras compañías argumentan sempre a baixada de vendas en tenda "e non din o que aumentou o comercio por internet, que subiu, no noso caso, un 37%”. Asegura que no sector, no que leva traballando 24 anos, "hai unha crise permanente" que aproveitan para "facer limpeza", en relación aos despedimentos. 

Outros casos levaron o ERE a Mans Galegas, co despedimento de 13 das súas 30 traballadoras, ou Pili Carrera, con 39 persoas, das que 26 serían baixas voluntarias e 13 forzosas. "Estamos falando dunha destrución de emprego que afecta maioritariamente a mulleres", asegura Martínez, "e todo malia que se lle advertiu en numerosas ocasións que apostara por este sector", sentencia.

Comentarios