Reestruturación de Inditex: 56 fechamentos durante o verán, seis deles no país

Entre os plans da multinacional do sector téxtil está recolocar a 50 empregados na Galiza, onde transcendeu que deixarán de estar abertas ao público dúas tendas en Narón, tres na Coruña, unha en Ferrol e unha, que xa estaba prevista hai tempo, en Cee.

Fachada dun estabelecemento da firma Zara. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)
photo_camera Fachada dun estabelecemento da firma Zara. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)

A multinacional téxtil con sede no polígono de Sabón (Arteixo) ten previsto facer unha importante reestruturación da súa canle de comercialización directa á clientela este verán. Mentres medran as vendas por internet, Inditex planea o fechamento de 56 estabelecementos do grupo para este mesmo verán.

En concreto, as despedidas decorrerán en xuño, xullo e agosto e, segundo Comisións Obreiras, haberá 475 empregadas e empregados que sexan recolocados noutras firmas da compañía. Atendendo á información do sindicato, na Galiza seguirían contratadas 50 persoas.

No país sábese, de momento, que van abandonar os locais do centro comercial Odeón, en Narón, Oysho e Massimo Dutti. Ademais, desaparecerá do centro de Ferrol unha tenda máis da multinacional, neste caso Zara Home.

Na cidade da Coruña está previsto que deixen de existir Pull&Bear (na rúa Real), Massimo Dutti (no centro comercial Cuatro Caminos) e Uterqüe (praza de Lugo), a marca de luxo de Inditex cuxo baixo será ocupado por Zara.

A estas seis desaparicións habería que sumar unha que non entra dentro dos cambios do estío, pois o negocio Kiddy's Class que mantiña aberto en Cee fechará este mesmo mes.

A nivel do Estado español, Andalucía padecerá 19 fechamentos e, quer en Madrid, quer en Catalunya, baixarán a persiana outros oito comercios, respectivamente.

En concreto, segundo informou CC. OO., a maior parte destes peches levará a cabo en Andalucía, co peche de 19 tendas, cun persoal de 195 empregados, seguida de Madrid, coa absorción de oito tendas, con 83 empregados, e Cataluña, co peche doutras oito, con 44 traballadores. Tamén haberá modificacións na rede comercial de Murcia, a Comunidade Valenciana, Castela e León, País Vasco, Canarias e Aragón.

Outro adeus na distribución de roupa

Ao tempo que Comisións Obreiras pedía esta quinta feira o cumprimento do compromiso de colocación, a representación sindical na empresa sueca H&M, demandaba que a adhesión ao Expediente de Regulación de Emprego (ERE) sexa voluntaria.

Na Galiza corren perigo de fechar tres dos oito estabelecementos existentes: o de Ourense, o que abriu hai uns anos en Ferrol e o da rúa Príncipe de Vigo.

Comentarios