A CIG asegura que o I Plan de Igualdade da Xunta nace "con desgana e sen ambición"

O sindicato sinalou ademais que se presenta "só para cubrir a vergoña de máis de 15 anos incumprindo a Lei de Igualdade".
Á esquerda, Zeltia Burgos, da CIG-Administración (Foto: Nós Diario).
photo_camera Zeltia Burgos, da CIG-Administración (Foto: Nós Diario).

A CIG asegurou esta sexta feira que o I Plan de Igualdade da Xunta da Galiza nace "con desgana e sen ambición, falto de contido, con medidas xa contempladas nas leis e con simples declaracións de intencións". O sindicato sinalou ademais que se presenta "só para cubrir a vergoña de máis de 15 anos incumprindo a Lei de Igualdade".

A central sindical lembrou que o plan foi aprobado o pasado 1 de agosto na comisión de persoal co voto en contra da CIG. De forma máis pormenorizada, no que respecta ao Protocolo contra o acoso e as violencias sexuais e psicolóxicas non traballo, explicou que votaron a favor porque "achega novidades e solucións en temas de acoso que estaban pendentes e trae unha nova regulación, noutras cuestións, que non contaban con protección ou procedemento específico, como as violencias sexuais e violencias no traballo e na protección da identidade e expresión de xénero".

A CIG considerou que o diagnóstico da situación é "incompleto" e que incumpre o RD 901/2020, "xa que os datos de formación están mesturados con datos doutras Administracións que non son a Xunta e están computados polo número de cursos realizados e non por persoas". Así mesmo, afirmou, "faltan número de solicitudes, de denegacións, de abandonos e as súas causas".

Con respecto á análise dos datos económicos, como estabelece a normativa, o sindicato apuntou que non se analizan salarios reais, senón salarios normalizados e que non se estabelece unha análise por postos de igual valor. "Falta auditoría retributiva que queda para máis adiante", sinalou a CIG.

No que respecta á prevención de riscos con perspectiva de xénero, "non existen resultados de análises de riscos psicosociais", afirma a central sindical, que denuncia ademais que as distintas xornadas, horarios e lugares de prestación de servizos "non se poden avaliar porque non se proporcionan datos".

Protocolo de violencia de xénero

Por outra parte, a CIG denunciou tamén que falta o Protocolo de violencia de xénero. "Nin se negociou o procedemento nin se recollen as medidas ás que se poden acoller as vítimas de violencia de xénero", insistiu a central sindical.

"Como consecuencia dun diagnóstico incompleto, en cuestións tan importantes para un plan de igualdade, temos unhas conclusións parciais que non permiten analizar realmente a situación de igualdade para o persoal da Xunta e trasladan estas carencias ás medidas para adoptar para corrixir as carencias detectadas. Dentro das medidas, por unha parte, queren corrixir o que debería de estar feito no diagnóstico (protocolo de violencia de xénero en ámbitos distintos ao traballo), e por outro, propóñense medidas que quedan en declaración de intencións", argumentou o sindicato.

Nas medidas propostas, a CIG lamentou que tampouco se adopten medidas que acaben, "dunha vez por todas, coas discriminacións directas no acceso para postos vacantes desde as listas de contratación cando se está en situación de suspensión de contrato ou incapacidade temporal por embarazo e lactación natural e discriminacións retributivas no caso dos non incrementos salariais nas situacións de embarazo e baixa por maternidade".

Ademais, o sindicato censurou tamén que non se recolleu o incremento do permiso para outro proxenitor até equiparalo co permiso de maternidade da Xunta da Galiza como estabelece unha recente sentenza do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG). A CIG tampouco compartiu o que cualificaron de "medida estrela" publicitada pola Xunta na que estabelecen a discriminación para os homes en caso de empate no acceso ao emprego público nas categorías nicho tradicional de emprego para as mulleres.

"A discriminación positiva estabelécese para aqueles colectivos que padecen discriminación, como é o caso mundialmente recoñecido das mulleres, e xa se leva anos aplicando na Xunta. Incorporar medidas de discriminación positiva para os homes significa ‘descafeinar’ a discriminación que seguen padecendo as mulleres. Se realmente o que se quere é romper estereotipos de xénero haberá que estabelecer mecanismos reais que permitan valorizar o traballo tradicionalmente desenvolvido polas mulleres para poder alcanzar a igualdade", detallou a central sindical nacionalista.

Comentarios