Os ODS, en risco: unha de cada dez persoas padece fame e precisaranse 300 anos para lograr a igualdade de xénero

A fame afecta hoxe até 735 millóns de persoas, o que supón un incremento de 21,5% desde 2019. E as cousas non melloraron tampouco o suficiente para as mulleres neste tempo. "Estamos no ecuador do prazo previsto para cumprir os Obxectivos de Desenvolvemento Sostíbel, que finalizan en 2030, e corremos serios riscos de non alcanzalos", advirte a ONU.
O retorno dos talibán ao poder no Afganistán traduciuse nun importante retroceso en materia de dereitos para as mulleres. (Foto: Zuma Press)
photo_camera O retorno dos talibán ao poder no Afganistán traduciuse nun importante retroceso en materia de dereitos para as mulleres. (Foto: Zuma Press)

"Estamos no ecuador do prazo previsto para cumprir os Obxectivos de Desenvolvemento Sostíbel (ODS), que finalizan en 2030, e corremos serios riscos de non alcanzalos", admitiu esta cuarta feira o secretario xeral da Organización das Nacións Unidas (ONU), António Guterres, que incidiu, aliás, en que "a este ritmo levaranos case 300 anos alcanzar a igualdade de xénero". Nese sentido, apuntou que "as melloras en materia de saúde materna e acceso á planificación familiar avanzaron cunha lentitude abraiante", durante os actos polo Día Mundial da Poboación.

Aproveitando a data, o Fondo de Poboación da ONU fixo público un estudo no que corrobora a violencia obstétrica contra as mulleres negras no continente americano, no que sofren "un patrón histórico e sistemático de abuso racial no sector da saúde" á hora de ter crianzas. O informe detalla que as maiores taxas de mortalidade materna das mulleres negras responden a que son "sistematicamente desatendidas ou maltratadas", ratificando o "racismo e sexismo sistemáticos" após investigar a atención prenatal, embarazos adolescentes, acceso a anticonceptivos ou a calidade da atención médica.

Natalia Kanem, directora executiva do Fondo da ONU, afirmou que "a lacra do racismo continúa para as mulleres e as nenas negras de América, moitas delas descendentes das que foron escravizadas". No que atinxe aos Estados Unidos, unha muller negra ten tres veces máis probabilidades de morrer no parto que unha muller branca. No caso de que ambas as dúas teñan educación superior, a muller negra ten un risco de morrer no parto 1,6 veces maior que unha branca.

A fame afecta 122 millóns máis de persoas que en 2019

De forma paralela, o informe O estado da seguridade alimentaria e a nutrición no mundo, publicado esta cuarta feira por cinco organismos especializados das Nacións Unidas, explicita que un total de 735 millóns de persoas padecen fame no mundo no presente ano, un dato que se traduce nunha suba de 122 millóns de persoas en comparanza con 2019 —un incremento de 21,5% en menos dun lustro—. Son, practicamente, unha de cada dez persoas. "Non se poderán alcanzar os ODS", reiterou Guterres ao respecto.

Os principais factores de inseguridade alimentaria e malnutrición, censuraron os autores do informe, son a "nova normalidade". "Non temos outra opción máis que redobrar os nosos esforzos para transformar os sistemas agroalimentarios e aproveitalos para alcanzar as metas do ODS 2", engadiron.

"Hai raios de esperanza, algunhas rexións están en vías de cumprir certas metas nutricionais para 2030. Con todo, en xeral, necesitamos un intenso esforzo mundial inmediato para rescatar aos ODS. Debemos fomentar a resiliencia fronte ás crises e perturbacións que causan inseguridade alimentaria, desde os conflitos até o clima", precisou António Guterres.

A inseguridade alimentaria afecta máis as persoas que viven nas zonas rurais (33%) que as que viven en zonas urbanas (26%). Tamén a prevalencia do atraso do crecemento en crianzas é maior nas zonas rurais (35,8%) que nas urbanas (22,4%). Aliás, a emaciación —forma de malnutrición potencialmente mortal que provoca unha delgadez e debilidade extremas nos nenos e nenas— é maior, novamente, no rural (10,5%)que nas cidades (7,7%), mentres o sobrepeso é lixeiramente superior nas zonas urbanas (5,4%) en comparanza coas rurais (3,5%).

Comentarios