O BNG rexistra 83 emendas a unha Lei da igualdade "insuficiente"

Propón crear o Instituto Galego das Mulleres.
rodil
photo_camera Olalla Rodil.

O BNG presentou esta segunda feira as 83 emendas á futura Lei de igualdade que impulsa a Xunta da Galiza, que considera unha "proposta moi pouco ambiciosa" e "insuficiente". Entre outras achegas, aposta pola creación do Instituto Galego das Mulleres (IGM), que vele pola igualdade, así como que se garanta con recursos o dereito ao aborto e se achegue apoio á conciliación.

A viceportavoz parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, deu conta das alegacións presentadas a esta reforma que modificará unha lei en vigor desde 2004. Lamenta que o texto non estea "á altura" das demandas da sociedade galega e do feminismo.

Nesta liña, observou que están "ausentes" dereitos fundamentais para as mulleres, tales como ou aborto, rematar coa segregación por sexos nas aulas ou dereitos de mulleres rurais ou migrantes. 

O IGM, expuxo, sería un organismo autónomo encargado de promover a igualdade real e efectiva en todos os ámbitos, avaliar as políticas públicas na materia, emitir estudos e informes e pór en marcha campañas de sensibilización. Trataríase, segundo Rodil, dun instituto semellante aos que xa funcionan en Euskadi ou en Catalunya, ou ao Instituto das Mulleres a nivel estatal. Na Galiza xa existiu o Servizo Galego das Mulleres, lembrou, pero o PP decidiu eliminalo en 2010 ao consideralo un “malgasto”.

Entre as 87 emendas do BNG destaca, finalmente, unha serie de propostas dirixidas a garantir o dereito á conciliación e promover a corresponsabilidade non só nos coidados das crianzas senón tamén das persoas dependentes, das persoas con discapacidade ou das persoas maiores.

Neste sentido, destacou a viceportavoz, o Bloque pide crear un capítulo na Lei de Igualdade dirixido, entre outras cuestións, a garantir prazas suficientes nas escolas infantís -especialmente de 0 a 3 anos-, crear un servizo de atención domiciliaria a menores, ampliar con máis prazas a rede de centros de día públicos ou crear unha liña de axudas para a contratación de persoal durante os permisos de maternidade e paternidade das persoas autónomas.

Comentarios