Consello da Xunta

A Xunta aproba o seu Plan de igualdade con 15 anos de atraso

O Consello da Xunta da Galiza aprobou esta quinta feira o I Plan de igualdade da Administración pública galega, un visto e prace que chega 15 anos tarde. O artigo 11.1 da Lei do Traballo en Igualdade das Mulleres na Galiza fixa que "os plans de igualdade serán obrigatorios para a Administración autonómica". Tiveron que pasar tres lustros para que isto se cumprise.
Alfonso Rueda, após unha rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta. (Foto: Arxina)
photo_camera Alfonso Rueda abandonando a sala de prensa. (Foto: Arxina)

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, anunciou esta quinta feira, na comparecencia após a xuntanza semanal do Goberno galego, a aprobación do Plan de igualdade para o persoal da Administración galega, máis de 26.000 traballadoras e traballadores. O plan, explicou, está composto por 75 medidas e tivo o apoio dos sindicatos CCOO, UXT e CSIF. Non así da CIG, que si que apoiou o “Protocolo contra o acoso e as violencias sexuais e psicolóxicas no traballo”. Este documento, segundo indica a Nós Diario Zeltia Burgos, da CIG-Administración, "parte dunha mala diagnose, carece de datos reais en cuestións importantes, e así chégase a conclusións parciais que non permiten analizar realmente a situación de igualdade para o persoal da Xunta".

Entre outras cuestións, Burgos lamenta que en campos como a conciliación "non hai ningunha medida máis alá do que marca a lei", ou ben que na enquisa feita ao persoal para elaborar este plan, "as respostas, estudo e conclusións non están desagregadas por xénero", cuestión "incomprensíbel" nunha enquisa sobre a percepción da igualdade entre o persoal. Tamén critica o sindicato que "nin se negociou o procedemento nin as medidas ás que se poden acoller as vítimas de violencia de xénero".

Soidade non desexada

Alfonso Rueda tamén informou na súa comparecencia de que a Xunta acordou iniciar a tramitación da súa estratexia contra a soidade non desexada, que contará con 125 millóns de orzamento para medidas como a creación dun censo de persoas afectadas así como unha rede de atención.

O Goberno galego tamén deu o visto e prace esta quinta feira, na que foi a súa última xuntanza antes da parada vacacional, a diversos acordos e convenios. Política Social destinará 7,7 millóns a financiar a gratuidade nas escolas infantís de 0 a 3 anos, unha medida que, dixo o presidente, beneficiará 6.700 familias. Medio Rural investirá 18 millóns na mellora de 630 camiños en 300 concellos; a Consellaría de Emprego vai dirixir 10 millóns a axudas para favorecer a integración laboral de persoas con discapacidade —"beneficiará 4.000 persoas"—; e Mar aprobou 1,5 millóns para desenvolver 85 proxectos en 70 barcos.

Amoníaco nas Pontes

Tamén aprobou o Executivo que preside Rueda declarar Iniciativa Empresarial Prioritaria (IEP) o centro verde de hidróxeno que o grupo sueco Universal Kraft impulsa nas Pontes, comarca de Eume, e no que vai investir 315 millóns de euros para producir 100.000 toneladas de amoníaco anuais.  

A preguntas da prensa, o presidente galego reiterou que Alberto Núñez Feixoo "gañou as elección" e por iso "non teño dúbidas" de que debe aspirar a presidir o Goberno español. Tamén reiterou o seu rexeitamento a negociacións bilaterais sobre financiamento entre o Estado e Catalunya.

Comentarios