A CIG demanda aplicar a xornada de 35 horas na Administración galega

A central sindical exixe un sistema de traslados "aberto e permanente".
Concentración da CIG, esta cuarta feira en Compostela (Foto: Nós Diario).
photo_camera Concentración da CIG, esta cuarta feira en Compostela. (Foto: Nós Diario).

Decenas de traballadoras e traballadores públicos autonómicos participaron esta cuarta feira nunha concentración, convocada pola CIG ante as dependencias da Xunta da Galiza en San Caetano (Compostela), para urxir a aplicación da xornada de 35 horas para todo o persoal da Administración da Galiza, así como un concurso de traslados aberto e permanente e un novo sistema de promoción interna na función pública galega.

Estas son as "tres cousas básicas" que reclama a CIG-Autonómica, segundo explicou o seu responsábel de Organización, Alexandre Prieto, que indicou que as accións de protesta perseguen que "a Administración se espila e vaia adaptando a xornada á redución que acometerá o Goberno estatal".

De feito, é unha "reivindicación histórica da CIG" e algo que xa se está aplicando "en determinados colectivos" de persoal público autonómico, como o das oficinas de turismo, así como o do profesorados e o do Servizo Galego de Saúde (Sergas), ámbito onde estará aplicada a xornada semanal de 35 horas de cara ao ano 2025.

Con todo, as traballadoras e os traballadores comúns da Administración seguen coas 37,5 horas, é dicir, teñen agora unha xornada de 7,5 horas ao día.
Ademais, segundo o responsábel da CIG, a concentración serviu para reclamar a convocatoria de concursos de traslados abertos e permanentes, de carácter anual. Segundo lamentou Prieto, hai "moitísimos funcionarios que levan décadas sen moverse" do seu posto.

A terceira petición do sindicato pasa por un cambio no sistema de ascenso por promoción interna, xa que as probas que convoca a Xunta "son tan duras como as de acceso libre" e supoñen examinar ao funcionariado sobre temas dos que "xa demostrou capacidades".

Comentarios