Ricardo Castro, secretario xeral da CUT: "Danse situacións de precariedade non coñecidas até o de agora"

A Central Unitaria de Traballadoras (CUT) vén de reelixir Ricardo Castro como secretario xeral após o decorrer do VII Congreso Nacional do sindicato. Nós Diario conversa con Castro para coñecer as liñas de acción que seguirá o sindicato nos próximos cinco anos así como a importancia da acción sindical.
Ricardo Castro foi reelixido secretario xeral da CUT. (Foto: CUT).
photo_camera Ricardo Castro foi reelixido secretario xeral da CUT. (Foto: CUT)

—Cales son as chaves do VII Congreso Nacional da CUT que veñen de realizar?
En termos xerais foi un Congreso Nacional moi positivo. Intentamos que fose diferente aos congresos clásicos de dous días seguidos con textos preconcibidos para os que se presentan emendas.

Desta vez innovamos cun Congreso que foi traballado durante todo o ano. Realizamos asembleas comarcais que derivaron nunha xornada previa ao Congreso que tivo lugar en Cangas o día 21 de maio. Nesa xornada traballouse con diferentes grupos temáticos como acción sindical ou contidos ideolóxicos. De aí saíu un texto final que servirá de folla de roteiro para os vindeiros cinco anos.

Finalmente, na xornada do sábado na Coruña escollemos os organismos e votamos as modificacións acordadas na xornada de Cangas. En conclusión, foi un proceso positivo porque ao traballar en grupos reducidos promóvese máis a participación do que nun congreso ao uso onde tomar a palabra pode ser difícil.

—No congreso decidiuse facer unha mudanza na estrutura organizativa do sindicato. A que responde esa decisión?
Entendemos os sindicatos como unha ferramenta que debe adaptarse aos tempos, tamén organizativamente. O que decidimos foi crear un secretariado de carácter político que se dedicará a tratar as cuestións de tipo ideolóxico e outro executivo que fará as funcións de xestión nas áreas de traballo.

—Cal será a liña de acción da CUT para os vindeiros cinco anos?
O principal é fortalecer a ferramenta sindical e dar o combate no eido ideolóxico. En xeral o que pretendemos é recuperar as esencias do sindicalismo, é dicir, estar na rúa e presionar para conseguir os obxectivos de mellorar a vida da clase traballadora. 

Aínda que a loita de clases é igual agora que no século XIX, é certo que o mundo laboral está a mudar e hai situacións de precariedade que non se coñecían até o de agora e até hai subclases dentro da clase traballadora ou traballadores que non contan como tal por estaren agochados no teletraballo, por exemplo. Isto tamén nos obriga a mudar as nosas ferramentas de traballo.

—O Goberno do Estado vén formulando a necesidade dun 'pacto de rendas' facer fronte á suba de prezos. Como valoran esta proposta desde a CUT?
É preciso sempre manternos nunha situación de sospeita de todo o que veña do Goberno do Estado. Estamos nunha etapa histórica na cal toca disfrazar de progresía medidas que favorecen o capitalismo, algo que están a facer o PSOE e o que chamaban a 'nova política, é dicir, Podemos. 

Non esperamos nada deste pacto de rendas, cremos que simplemente é unha nova forma de aferrollar un sistema que leva moito tempo en descomposición.

—Perciben desde a CUT desmobilización por parte da clase traballadora?
Si, eu creo que negar que existe desmobilización é mirar cara a outro lado. Aínda que o pobo galego segue a ser, dentro do Estado español, dos que máis se mobiliza, vemos como se utilizou a pandemia para amedrentar a clase obreira para que non saíse á rúa. 

A situación de precariedade e supervivencia en que nos encontramos na actualidade tamén fai que a xente teña medo a protestar e a saír ás rúas. É innegábel que nos encontramos nun momento bastante difícil neste sentido. 

A importancia da acción sindical

"Necesitamos ser capaces de convencer a poboación de que os sindicatos seguimos a ser ferramentas útiles para a defensa dos seus intereses", asegura Castro no tocante á importancia da acción sindical. Para o reelixido secretario xeral da CUT,  a actividade sindical así como tecer alianzas "é prioritario". "As diferentes forzas sindicais debemos ser xenerosas e deixar de pensar tanto na  propia organización en si". 

A respecto de como deben funcionar os sindicatos, Castro asegura que "un sindicato non se pode converter nunha oficina burocrática de asesoría xurídica low cost. Para iso xa hai outro tipo de modelo sindical ou mesmo xestorías". Na opinión do secretario xeral da CUT, "a acción sindical faise nas rúas, nos centros de traballo ou mesmo no bar tomando unha cervexa con amigos, non se é sindicalista só unhas horas ao día".

Comentarios