A CUT renova estrutura e cargos no seu sétimo congreso nacional

Ricardo Castro seguirá á fronte da Secretaría xeral do sindicato, que crea dous secretariados: executivo e político

VII Congreso Nacional da CUT na Coruña.
photo_camera VII Congreso Nacional da CUT na Coruña.

A Central Unitaria de Traballadoras clausurou esta fin de semana na Coruña o seu VII Congreso Nacional nun acto desenvolvido no paraninfo da Universidade da Coruña que contou con importante presenza da persoas afiliadas, así como representantes de sindicatos internacionais.

Baixo o lema 'Sen sindicato non hai futuro', a CUT profundou no debate sobre a necesidade dunha reformulación dos órganos de Dirección Nacional acompañada da CUT Aragón, CSI Asturias, Intersindical Valenciana, IAC Catalunya, Intersindical Canaria, PCOA Venezuela, ILCU Palestina, LAB Euskadi, CGTP-IN Portugal e Confederación Intersindical Galega (CIG).

Ricardo Castro, reelixido

Tras a xornada de debate decorrida o pasado 21 de maio en Cangas, e unha conferencia das delegacións internacionais desenvolvida a pasada sexta feira na Coruña, este sábado as bases da CUT referendaron as modificacións estatutarias propostas e aprobaron por unanimidade a candidatura de Ricardo Castro á secretaría xeral.

Nova estrutura

Canto á súa estrutura, o sindicato aprobou dividir o actual Secretariado Nacional en dous: un secretariado executivo e un político. O secretariado executivo estará composto polas responsábeis das áreas de Acción Sindical (coordinada por Vítor Mariño), Comunicación (Andrea de Francisco), Secretaría Feminista (Érika Otero), Finanzas (Maruchi Álvarez), Formación (Raquel Lema) e Internacional (Manolo Camaño e Tomás Hermelo).

O secretariado político estará conformado por Xulio Axeitos, Carla Rivas, Raquel Lema, Laura Sousa, Eladio Bastos, Brais González, Alberto Covelo, Mónica Camaño, Leonardo Da Cruz, Manuel Camaño e Ricardo Castro e a Comisión de Garantías por Cándido Villar, Estela Pedrares, Lara Costas, Mª Jesús Purriños, Cati Martínez e Andrés Pérez.

A CUT estabeleceu como liña de acción para os vindeiro lustro "seguir sendo un sindicato combativo de clase obreira galega con forte presenza nas rúas, ademais de nos centros de traballo, e seguir tecendo alianzas internacionais para un loita conxunta e coordinada".


 

Comentarios