A CUT mobilízase “contra o capitalismo salvaxe e o imperialismo da OTAN e a Unión Europea”

A Central Unitaria de Traballadoras (CUT) realizou este domingo catro mobilizacións que percorreron as rúas da Coruña, Compostela, Vigo e Ourense. 
Manifestación da CUT en Vigo (Foto: Nós Diario).
photo_camera Manifestación da CUT en Vigo (Foto: Nós Diario).

Neste 1 de maio a CUT convocou mobilizacións en varias cidades do país para denunciar o que considera “capitalismo salvaxe e os seus instrumentos corporativos, a OTAN e a UE”.

As mobilizacións, que percorreron as rúas da Coruña, Compostela, Vigo e Ourense, convocadas en cada comarca con diferentes alianzas sindicais, xuntaron a centos de persoas e incidiron na necesidade de derrogar a reforma laboral e “non caer na trampa de maquillaxe feita polo goberno”.

O seu secretario xeral, Ricardo Castro, explica que este ano “saímos á rúa demandando tomar conciencia da situación na que estamos a clase traballadora” e “non deixarse enganar polas cortinas de fume do Goberno ‘progre’ que ao final non derrogou a Reforma Laboral, nin a 'Lei Mordaza' tampouco”.

Castro sinala que “seguen apretándonos coa escusa da guerra en Ucraína”, unha contenda que desde esta central sindical denuncian “desde a perspectiva do abuso imperialista da OTAN e da UE”.

Para a CUT, a situación bélica “vai servir para incrementar a precariedade da clase traballadora” polo que cren que a única alternativa é “de novo estar nas rúas” e “crear conciencia de clase, saber o que somos para saber onde queremos ir”.

A Reforma laboral

“Para nós non se fixo nada coa Reforma Laboral”, indica Castro, “aplaudiuna o PP coa boca pequena, están contentos de que se manteña a de 2012”, engade.  

UXT e CCOO lexitimaron polas prebendas que reciben a cambio, mais no fondo non muda nada”, sentenza.

Comentarios