Os sindicatos piden saír á rúa e recuperar o espírito das loitas obreiras de 1972

Diversos actos conmemoran no país o 50 aniversario da efeméride.
Monumento ao 10 de Marzo, en Ferrol, en memoria das loitas sindicais que custaron a vida a dous traballadores da antiga Bazán (Foto: Nós Diario).
photo_camera Monumento ao 10 de Marzo, en Ferrol, en memoria das loitas sindicais que custaron a vida a dous traballadores da antiga Bazán (Foto: Nós Diario).

Hoxe, 10 de Marzo, Día da Clase Obreira Galega, fanse 50 anos das protestas sindicais nos estaleiros da antiga Bazán, en Ferrol, que custaron a vida a dous traballadores e que supuxeron un antes e un despois na loita sindical.

Para Manel Grandal, secretario comarcal da CIG en Ferrol, o 72, "no que ten que ver coa loita obreira, foi un ano que valeu por moitos anos". "Supuxo unha explosión de solidariedade en todo o país, tamén o estoupido de moitas reivindicacións laborais e estudantís e, obviamente, un enfrontamento coa ditadura", que, como argumentou, "xa viña argallando, porque non podía soportar as loitas que se viñan dando dentro do propio estaleiro e un movemento sindicalista non só en Bazán, senón en toda a cidade", apunta Grandal.

Como explica a Nós Diario Santiago Díaz, secretario de organización de CCOO, aquelas mobilizacións, a concentración dunhas 4.000 persoas ás portas do estaleiro o día 9 en protesta polo despedimento dos representantes sindicais que "tiraron" por un convenio individual para Bazán Ferrol, e a manifestación do día 10, reprimida a tiros pola Policía, "contribuíron dunha forma significativa á caída do franquismo e ao nacemento da propia CCOO", como alternativa aos antigos sindicatos de clase, UXT e CNT.

Sindicalismo combativo

"Se a CIG é a principal forza sindical do país é porque seguimos mantendo esa idea do sindicalismo combativo e esa demanda dun marco galego de relacións laborais", afirma Grandal, que cualifica o diálogo social de "trampa para desmobilizar a clase traballadora e non tela en conta na toma de decisións".

Nesta liña, critica que sindicatos como CCOO e UXT asumisen formar parte desas políticas reformistas e ser "cómplices" desa desafección da participación para fialo todo "a eses pactos de salón" que, como criticou, "son unha ferramenta moi útil para o Goberno e a patronal. Ao primeiro, para cambiar as promesas electorais, e ás patronais  para desmobilizar a clase traballadora", abundou.

Porén, celebra "o rexurdir" da clase traballadora, que "demanda reformas fiscais e máis políticas de esquerdas". "A sociedade non soporta pagar os pratos rotos do que foi a crise de 2008 e o que está sendo xa a crise por esta guerra", dixo en referencia ao conflito entre Rusia e Ucraína. 

A forza da presión social

Desde a CUT, o seu secretario xeral, Ricardo Castro, incide nesas mesmas ideas. Segundo asegura a este diario, os sindicatos "teñen que volver pisar as rúas como método de defensa dos nosos dereitos". "Cremos que nestes 50 anos non mudou nada nese senso; ou saímos ás rúas ou pasan por riba de nós", lamentou o líder sindical.

Para Castro, as mobilizacións, "se non máis, son igual de necesarias que daquela, porque hai unha imposición dun réxime político que está cinguido e que non nos deixa saírnos das súas marxes, e desde o punto de vista dos dereitos sociais e laborais estamos nunha situación aínda peor, coa circunstancia de que hai traballadores e traballadoras pobres, cousa que daquela non pasaba", alerta o secretario xeral da CUT. "A presión social é a que obriga a cambiar", conclúe.

Dúas manifestacións en Ferrol e unha concentración en Vigo

As centrais sindicais teñen previstos varios actos para conmemorar o aniversario das protestas que levaron por diante as vidas de Daniel Niebla e Amador Rey. CCOO ten convocada unha manifestación en Ferrol que partirá ás 11.30 horas do estaleiro de Navantia até o monumento ao 10 de Marzo, onde realizarán unha ofrenda floral.

Pola tarde, no Teatro Jofre, proxectarán un documental após o que haberá unha mesa redonda sobre o movemento obreiro e a creación do sindicato. A CIG tamén convocou unha manifestación, que partirá ás 12 horas da porta de Esteiro de Navantia e rematará no mesmo monumento con ofrenda floral. Finalmente, a CUT concentrarase ante o edificio da Xunta en Vigo ás 11 horas para "exercer a memoria colectiva do que fomos e marcar o horizonte do que debemos ser".

Comentarios