Cales son as cidades galegas con maior incremento de afiliacións á Seguridade Social?

Máis de 73% das persoas traballadoras pertencen ao sector servizos.
Traballadoras da industria conserveira da Galiza (Foto: Nós Diario).
photo_camera Traballadoras da industria conserveira da Galiza (Foto: Nós Diario).

Compostela e A Coruña son as dúas grandes cidades galegas en que máis creceu a afiliación á Seguridade Social nos últimos 12 meses (de setembro de 2022 a setembro de 2023), con incrementos de 3,7% e de 3,5%, respectivamente, segundo recolle o informe de Afiliacións á Seguridade Social por concello de residencia da persoa afiliada que publicou esta cuarta feira o Instituto Galego de Estatística (IGE).

No último ano, de acordo co estudo do IGE, as traballadoras  e os traballadores de alta no sistema aumentaron nos sete grandes concellos. En setembro de 2023 rexistráronse 1.069.286 afiliacións á Seguridade Social na Galiza, 0,5% máis que o mes anterior. Delas, 1.044.433 (97,7%) corresponden a persoas cuxa residencia se atopa no país.

Se o que se contabilizan son persoas afiliadas e non o número de afiliacións, a cifra baixa a 1.006.640 altas laborais en setembro, neste caso 0,6% máis. Por outra parte, de cada 100 persoas en idade de abandonar o mercado laboral hai 19 que ingresan ao sistema. Ademais, 5,2% do total das cotizantes residentes na Galiza tiñan na altura nacionalidade estranxeira.

En termos relativos, con afiliadas estranxeiras destacan os concellos próximos ao norte de Portugal, así como as comarcas de Valdeorras e da Mariña. 5,1% das afiliacións correspóndense con actividades relacionadas coa agricultura e a pesca, 13,9% co sector industrial, 7,5% coa construción e 73,1% con actividades do sector servizos.

Este último sector mostra un maior peso nas sete grandes cidades, así como nos seus municipios limítrofes. De feito, en Santiago de Compostela e na Coruña máis de 85% das afiliacións á Seguridade Social correspondían a este ámbito.

Comentarios