O sector servizos xa conta co 72,8% da afiliación galega

O Instituto Galego de Estatística (IGE) deu a coñecer esta segunda feira os datos de afiliación á Seguridade Social. Os mesmos indican que de 18 altas que se produciron hai 100 persoas que están en idade de xubilarse.
Estabelecemento hostaleiro en Compostela (Foto: Nós Diario).
photo_camera Estabelecemento hostaleiro en Compostela (Foto: Nós Diario).

En marzo de 2023 rexistráronse 1.041.611 afiliacións á Seguridade Social na Galiza, 0,7 % máis que en febreiro. Destas, 1.020.348 (98 %) corresponden a persoas cuxa residencia se atopa nun concello galego, segundo os datos que publicou onte o Instituto Galego de Estatística (IGE).

Un elemento significativo é que, en marzo, por cada 100 afiliadas e afiliados en alta laboral menores de 40 anos, residían no país 222 traballadoras e traballadores maiores desta idade.

Os sete grandes concellos galegos, a excepción da Coruña e Ourense, presentaban, para este indicador, valores superiores á media galega, que variaban desde 224,1 de Vigo até 239,2 en Ferrol. Na Coruña e Ourense o indicador tiña un valor de 209,1 no primeiro caso e 211,9 no segundo en marzo de 2023.

Outra referencia é que na Galiza, por cada 100 persoas que están en idade de abandonar o mercado laboral contabilízanse 18 persoas que ingresan ao Sistema da Seguridade Social. 

Neste sentido, no último ano o número de persoas afiliadas aumentou nas cidades. O maior incremento experimentárono na Coruña e Compostela, onde o número de persoas afiliadas aumentou en marzo un 2,5 % respecto ao mesmo mes do ano anterior no primeiro caso, e un 2,7 % no segundo. 

Sectores de actividade

Se analizamos os datos por sectores de actividade, o 5,3 % corresponden a actividades relacionadas coa agricultura e a pesca; o 13,9 % rexístranse no sector industrial; o 7,5 % na construción e o 72,8 % corresponden a actividades do sector servizos.

Os concellos cunha maior presenza no sector primario atópanse no interior da provincia de Lugo (a excepción do municipio  de Lugo, Rábade e Monforte de Lemos), nas comarcas de Xallas, Terra de Melide e Arzúa, e na comarca do Deza. No Réxime especial do mar son altas, por exemplo,  na  Illa de Arousa.

Por outra parte, na meirande parte dos municipios do sur de Ourense e algúns do oeste o peso da construción tamén é superior á media galega; de feito, Gomesende (Terra de Celanova) é un dos concellos galegos con maior porcentaxe de afiliacións, cun 21,9 % das afiliacións totais rexistradas en marzo de 2023. Para rematar, servizos ten máis presenza nas cidades como Compostela e da Coruña, con máis do 85 %.

Comentarios