71 buques galegos obterán axudas compensatorias polo veto do xurelo

Os barcos poderán parar voluntariamente a pesca entre un e tres meses.
A nova secretaria xeral de Pesca do Estado español, Isabel Artime (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press).
photo_camera A nova secretaria xeral de Pesca do Estado español, Isabel Artime (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press).

A secretaria xeral de Pesca do Estado español, Isabel Artime, asinou esta sexta feira a resolución pola que se estabelece un período de parada voluntaria na pesca do xurelo para a frota do cerco e para determinados buques de artes menores dependentes desta especie, e que terá unha compensación económica.

Esta convocatoria é especialmente relevante no ámbito galego, pois a maioría dos buques estatais dependentes do xurelo son da Galiza. Tanto é así que, de 86 buques que poderán beneficiarse, 71 deles na Galiza, oito en Cantabria, catro en Euskadi e tres en Asturies.

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) precisou que a resolución, que se publicará nos próximos días no Boletín Oficial do Estado (BOE), estabelece que as paradas terán un período mínimo dun mes e máximo de tres.

Segundo a resolución, a limitación voluntaria da actividade poderase compensar cunha axuda económica por paralización temporal no marco do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa) e da súa normativa de desenvolvemento no Estado español, que percibirán tanto empresas armadoras dos buques como integrantes da tripulación.

Así mesmo, o MAPA sinalou que con esta medida, o Goberno do Estado español cumpre o seu compromiso de apoio á frota pesqueira afectada polo fechamento da pesca do xurelo debido á súa delicada situación.

Para gozar destas axudas, os buques deben ter unha dependencia das capturas de xurelo respecto do total de capturas comercializadas igual ou superior a 18% nos últimos tres anos, conforme aos datos da Secretaría Xeral de Pesca. 

A xestión e pago das axudas realizaranas as Administracións autonómicas, que deberán realizar as convocatorias, previo reparto territorial dos fondos, algo que se acordará na Conferencia Sectorial de Pesca.

A Unión Europea (UE) e o Reino Unido acordaron o pasado decembro unha redución de 78% na cota do xurelo para 2023, que unicamente poderá capturarse de forma accidental. O Consello Internacional para a Exploración do Mar (ICES) recomendou un Total Admisíbel de Capturas (TAC) cero.

Comentarios