O sector do cerco e a Xunta demandan a imposición dun paro biolóxico do xurelo

O BNG pide axudas do Executivo galego para as frotas afectadas.
As restricións nas capturas de xurelo complican a viabilidade dos case 150 barcos cerqueiros cos que conta a frota galega (Foto: Nós Diario).
photo_camera As restricións nas capturas de xurelo complican a viabilidade dos case 150 barcos cerqueiros cos que conta a frota galega (Foto: Nós Diario).

O sector pesqueiro afectado polas posibilidades de captura de xurelo para 2023 e a Consellaría do Mar acordaron esta segunda feira demandar un paro biolóxico voluntario e a repartición da cota en función da dependencia de cada buque desta especie. Tamén por unanimidade, o sector decidiu pedir ao Instituto Español de Oceanografía (IOE) un estudo para actualizar a situación do recurso.

A titular de Mar, Rosa Quintana, asistiu á comisión sectorial do cerco do Consello Galego de Pesca para analizar o resultado das negociacións dos totais admisíbeis de capturas (TAC) e cotas para 2023. Nese encontro, no que tamén participou o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, a Xunta e os representantes da frota de cerco da Galiza constataron a necesidade de que o Estado español "adopte medidas para garantir a viabilidade do sector ante o recorte das posibilidades de pesca de xurelo no Cantábrico e nas augas do Gran Sol".

O acordo alcanzado a semana pasada no Consello de Ministros de Pesca da Unión Europea (UE) estabelece para o próximo ano unha cota desta especie nos caladoiros do Atlántico norte de 15.000 toneladas condicionadas á pesca accesoria (accidental), das que apenas 3.200 corresponden ao Estado español.

Este feito -o de non poder facer pesca dirixida entre Fisterra e o golfo de Biscaia- complica a actividade dos case 150 cerqueiros cos que conta a Galiza xa que non se aprobaron flexibilidades interanuais nas posibilidades de captura nin aumento nos intercambios entre as zonas IXa -de Fisterra cara ao sur- e VIIIc -de Fisterra cara ao norte-.

Ante esta situación, ambas as partes coincidiron na necesidade de que o Goberno estatal estude medidas como "unha posíbel parada biolóxica para as frotas do Cantábrico -a Galiza, Asturies, Cantabria e Euskadi- e a habilitación das correspondentes axudas co obxectivo de que a súa actividade poida ser rendíbel".

Mar apunta que "a maiores tanto a Xunta como o sector apostaron porque o Estado español negocie con Portugal unha xestión da sardiña en augas ibéricas que permita incrementar en boa medida as capturas unha vez que os últimos informes científicos sobre o estado biolóxico desta especie constataron que se atopa totalmente recuperada".

O BNG pide á Consellaría que non "tire balóns fóra"

A responsábel de Pesca do BNG no Parlamento galego, Rosana Pérez, vén de rexistrar unha iniciativa na que reclama axudas por parte da Xunta da Galiza, do Executivo estatal e da UE para paliar "as consecuencias da grave situación á que se ve abocada a frota do cerco así como a frota afectada pola ampliación do paro biolóxico da anguía en 2023".

Pérez demandou á Consellaría do Mar que "deixe de botar balóns fóra", pois segundo a nacionalista, "sendo necesaria a reclamación de axudas por parte do Estado, tamén é preciso que a Xunta traballe nas súas propias compensacións para as frotas galegas prexudicadas polas decisións do Consello de ministros de Pesca da UE para 2023". "Esta situación faise especialmente obvia no caso da anguía", explicou a deputada, "pois é unha especie capturada en augas interiores, que son de competencia exclusiva da Xunta da Galiza".

As federacións de confrarías reelixen aos seus presidentes

Os presidentes das federacións de confrarías de pescadores da Coruña, Lugo e Pontevedra renovaron os seus postos despois de teren decorrido as terceiras eleccións unificadas da Federación Galega de Confrarías de Pescadores. Daniel Formoso (patrón maior de Muros), na federación da Coruña, Basilio Otero (patrón maior de Burela), na de Lugo, e José Manuel Rosas (patrón maior de Bueu), na de Pontevedra, foron reelixidos para seguir á fronte destas federacións.

No proceso electoral foron elixidos tamén os vicepresidentes primeiro e segundo das federacións, así como os membros do comité executivo, que ocuparán estes postos durante os próximos catro anos. Os representantes elixidos tomarán esta terza feira posesión do seu cargo, día no que se abrirá o prazo para elixir os órganos reitores da Federación Galega de Confrarías de Pescadores.

Comentarios