Centos de persoas manifestáronse este domingo en 45 cidades do Estado español, entre elas Vigo e A Coriña, para mostrar o seu rexeitamento á non inclusión dos cans de caza no proxecto de Lei de Benestar Animal, como pretende o grupo parlamentario do PSOE, ao considerar que todos os cans son iguais ante a lei e, por tanto, merecen o mesmo trato.
"Son millóns de cans de caza os que son maltratados continuamente por parte dos cazadores e fano co apoio das institucións. Pedimos a abolición da caza. A proposición do PSOE é un despropósito. Non se pode diferenciar uns cans doutros. A sociedade demanda un mellor trato para os animais e eles están cos que os matan", asegurou o presidente de Pacma, Javier Luna.
A manifestación, convocada pola Plataforma Nacional Plataforma NAC (Non á Caza con Galgos e Outras Razas) en 45 cidades, contou tamén coa participación e apoio da Asociación Parlamentaria en Defensa dos Dereitos dos Animais (APPDA).
Segundo os cálculos dos animalistas, 68% dos cans que se abandonan no Estado español son aqueles que se utilizan para a caza, como comentou este domingo o portavoz da Plataforma contra a Caza, David Rubio.
"É incríbel que tenten facer unha lei de protección animal contra o abandono e se deixe o principal motivo diso (os galgos). España é o único país europeo que segue permitindo a caza con cans e é onde máis se abandonan", sentenciou.
A plataforma NAC argumenta que excluír aos cans dos cazadores na nova lei de protección, dereitos e benestar animal supón discriminar os cans pola actividade que exerzan, o que supón un "retroceso e puro racismo obsoleto".
Nese sentido, os convocantes consideran que non ten ningún sentido que uns cans queden protexidos e amparados por lei e outros non, algo que supoñería perpetuar os malos tratos animais no Estado español. "Unha Lei debe axudar a avanzar a unha sociedade e non mantela impune ás inxustizas", apunta a organización nun comunicado.
Doutra banda este domingo manifestáronse tmén as asociacións que están en contra da lei, a Federación das asociación unidas pola natureza e os animais (Federación Fauna), os comercios especializados e as tendas tradicionais de venda de animais para mostrar o seu desacordo cunha norma que "non protexe aos animais" e denunciar que non contou co consenso dos profesionais.