Que vai mudar coa nova Lei de Benestar Animal?

O Goberno estatal aproba esta sexta feira perante un Consello de Ministras extraordinario a norma, que implicará considerábeis mudanzas na cría de animais e os dereitos dos mesmos no eido doméstico. A lei será sometida posteriormente ao trámite parlamentario.
Varios visóns nas xaulas nas que os manteñen. (Foto: Europa Press) #coronavirus #covid19 #foco #ecoloxistas #visóns #granxas #sanidade
photo_camera A lei prohíbe a cría de visóns para a obtención da súa pel (Foto: Europa Press).

O Consello de Ministras extraordinario que decorrerá esta sexta feira analizará —e previsibelmente aprobará— o anteproxecto de lei de dereitos dos animais, que inclúe numerosas novidades dirixidas a previr e evitar os malos tratos animais, reducir o seu sacrificio e mellorar o seu benestar, para a súa posterior tramitación parlamentaria.

O borrador da futura lei, que depende da dirección xeral de Dereitos dos Animais, do Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030, está redactado desde o pasado 6 de outubro, mais ficou nun caixón durante estes meses nos que desde Unidas Podemos (UP) se estivo pedindo a súa tramitación. De feito, fontes de Podemos indicaran á axencia Europa Press semanas atrás que previsibelmente sería levado ao Consello de Ministras despois da convocatoria electoral en Castela e León que tivo lugar o pasado domingo.

Así, cinco días despois deses comicios, o proxecto de lei será sometido ao escrutinio do Executivo. Trátase da primeira lei estatal que regula a relación cos animais de compañía e responde ao "sentir da sociedade", que "desde hai tempo non tolera os malos tratos, o abandono e o sacrificio dos animais". Ademais, a lei impulsada polo departamento que dirixe Ione Belarra responde o compromiso fixado no acordo de coalición e supón un "avance" no cumprimento do mesmo.

Novidades desta lei

O texto do Goberno estatal quere prohibir a cría de mascotas a particulares, de modo que só poderá ser efectuada por criadores profesionais e quedará prohibida cómpraa venda de animais en tendas de mascotas, que tampouco poderán exhibilos nos seus escaparates. En canto aos zoos, prevé a súa reconversión en lugares de cría autóctona en catividade, entre outras materias.

Outros dos obxectivos da norma son o "sacrificio cero" e o "abandono 0" e para iso a norma estabelece a creación de até seis rexistros estatais: de animais de compañía, de núcleos zoológicos, de criadores, de inhabilitados para pertenza de animais, profesionais do comportamento animal e de entidades de protección animal.

Por outra parte, contempla a prohibición do uso de animais nas Cabalgatas de Reis e en beléns viventes, así como en procesións e romarías, e tampouco poderán ser obxecto de espectáculos circenses. Aliás, porá en marcha un Observatorio Estatal de Protección Animal, un rexistro de criadores, que serán os únicos facultados para vender animais, así como un rexistro de persoas inhabilitadas para a tenencia animal.

O Rexistro Nacional de Inhabilitacións para a Tenencia e Actividades relacionadas con Animais (RINTA) incluirá a identidade de persoas físicas ou xurídicas que estean inhabilitadas penal ou administrativamente para o exercicio de profesión, oficio ou comercio relacionado con animais, así como para a tenencia de animais. Ao rexistro achegarán datos os gobernos territoriais, entidades locais e Ministerios a respecto de resolucións administrativas firmes polas que se inhabilite para a tenencia de animais, así como polo Ministerio de Xustiza a respecto das persoas condenadas en sentenza firme pola comisión de calquera delito relativo á protección da fauna e animais domésticos.

Sacrificio e abandono 'cero'

Outro dos aspectos controvertidos e que suscitou as críticas, entre outros da Organización Colexial Veterinaria, son as vías para lograr o sacrificio cero de animais, xa que o texto que propón o Goberno de coalición quere prohibir "expresamente" o sacrificio, e unicamente procederase a eutanasiar animais de maneira xustificada e baixo criterio e control veterinario para evitar o seu sufrimento en caso de feridas incurábeis, por seguridade para as persoas ou animais ou da existencia de risco para a saúde pública ou causas ambientais debidamente motivados normativa ou cientificamente.

Do mesmo modo, prohíbese o seu uso de forma ambulante como reclamo e queda prohibido exercer a mendicidade valéndose deles, así como sometelos a traballos inadecuados ou excesivos en tempo ou intensidade respecto a as características e estado de saúde dos animais. Igualmente prohíbese o uso de pinchos, correas, colares e outros similares que aforquen ou aparellos eléctricos nin se autoriza o silvestrismo, así como alimentalos con vísceras, cadáveres e outros refugallos. Tampouco poderán ser premio de recompensa, rifa ou promoción nin se poderá manter permanentemente aos animais en terrazas, balcóns, azoteas, rochos, sotos, patios e similares ou vehículos.

A futura norma prevé, ademais, a fin do sector das granxas de visóns, posto que o regulamento sancionador que acompaña ao anteproxecto prevé multas de 30.001 a 100.000 euros para a cría de visóns para a obtención da súa pel.

Comentarios