A CRTVG pediu desculpas esta segunda feira pola inclusión no concurso 'Atrápame se podes' emitido o pasado sábado, día 5 de marzo, dunha pregunta na que se interpelaba a dúas concursantes sobre o prezo actual dun gramo de cocaína e ofrecía como resposta dúas opcións: 60 euros e 6 euros.
A respecto desta cuestión, a CRTVG sinalou nun comunicado publicado na súa páxina web que "non estaba no ánimo do programa infravalorar o grave problema que supón a drogadicción" e afirmou que a formulación desa pregunta "non era a axeitada, máxime tratándose dun programa de cuestións sobre cultura xeral".
A corporación pública, que eliminou o programa das súas plataformas online, subliñou que o compromiso dos medios públicos na loita contra a drogadicción é "incuestionábel". "E así o deixa claro tanto no seu labor diario como nas diferentes accións e alianzas institucionais en vigor coa fin de eliminar este grave problema social", apuntou.
Pola súa parte, a produtora do programa, Voz Audiovisual, considera que a pregunta "nunca debería terse exposto" da forma que apareceu en pantalla.
Aliás, explicou que o dato que respondía á pregunta "Cal é o prezo medio dun gramo de cocaína na rúa?" aparece recollido no informe do Observatorio Español das Drogas e as Adiccións (CEDA), que elabora cada ano o Ministerio de Sanidade do Goberno de España, pero "foi trasladado aos concursantes cunha formulación inoportuna".
Por iso, desde a produtora piden "desculpas" por "esta lamentábel equivocación" da que deron conta nas últimas horas centos de galegas e galegos a través das redes sociais.