"O contamos todo": A CRTVG volve bater co galego

A CRTVG recibe numerosas críticas a través de redes sociais como Twitter após facer unha promoción dun programa errando no uso da lingua do país. Unha usuaria recorda que o papel desta canle é a “difusión e impulso” do galego. Non é a primeira ocasión na que a radio ou a televisión galegas aparecen no medio do debate lingüístico.

Imaxe da CRTVG e do chío sobre o uso do galego. (Foto: Nós Diario) #lingua #galego #crtvg
photo_camera Imaxe da CRTVG e do chío sobre o uso do galego. (Foto: Nós Diario)

Un novo erro da CRTVG co uso normativo do galego vén de provocar múltiples críticas á corporación pública nas redes sociais. Unha usuaria de Twitter foi a que atopou a equivocación nunha promoción dun programa na que, sobre unha imaxe, aparece a frase “O contamos todo”.

Malia que a persoa que escribe a mensaxe non aclara o problema, deixa ver claramente que está a sinalar que a frase debería ser “Contámolo todo”.

De feito, solicita á Televisión da Galiza (TVG) que “corrixa de inmediato” a publicidade, distribuída tamén a través das redes, porque o “desleixo” pola lingua propia faina morrer “de vergoña”.

De feito, a tuiteira vai máis aló ao reparar nos artigos da Lei 9/1984 de Creación da CRTVG.

Segundo engade para a lectura das súas seguidoras e seguidores nesta plataforma, a norma engade: “Atribúeselle á CRTVG a misión de servizo público consistente na promoción, difusión e impulso da lingua galega”.

É dicir, contrapón a imaxe co artigo, provocando numerosas reaccións da comunidade de usuarias de Twitter. No momento de escribir esta nova, o escrito levaba máis de 110 rechouchíos e a xente etiquetaba á Mesa pola Normalización Lingüística.

“Non chego a entender porque non teñen a alguén que se fixe niso”, reflexionaba un galego. “Non se coida o que non se respecta”, opinaba outro cidadán do país con presencia nas redes. Igualmente, sucedéronse as emoticonas de enfado.

Após as críticas recibidas, o medio público cambiou a mensaxe, algo ao que tamén aludiu a persoa que descubriu o erro: “Esperemos que se preste máis atención para a próxima e non se repita algo así”.

Comentarios