"Temos unha visión aínda reducida da biodiversidade mariña"

Conversamos co coordenador do A Fondo desta semana. 

Alfredo López_CEMMACetáceos
photo_camera Alfredo López [Imaxe CEMMA]

O biólogo mariño Alfredo López coordena o número 140 do caderno A Fondo intitulado 'Mamíferos mariños da Galiza' que publicamos no semanario en papel, á venda na nosa loxa. Oito páxinas arredor da riqueza biolóxica que gardan as nosas costas, nomeadamente as especies protexidas como os golfiños, baleas e lobos mariños. 

Coñécese socialmente a cantidade de especies que se atopan nas nosas costas?
Creo que pouco a pouco estase a trasladar información. A sociedade vai aprendendo que hai golfiños, baleas, tartarugas... sobre todo cando se producen varamentos. Porén, temos unha visión aínda moi reducida do que nos rodea. Temos que ter en conta que no noso país hai por volta de 300 especies. 

No noso país hai por volta de 300 especies [mariñas]

Cales son as principais ameazas ás que se enfronta?
As actividades humanas en xeral mais tamén as capturas accidentais e mortes non desexadas na pesca. Tamén atropelos, accidentes de barcos contra baleas, a contaminación e o impacto acústico, entre outros. Todo isto vai derivando nunha menor calidade do medio e na morte de exemplares. 

No caderno tamén falades do turismo...
Neste momento non hai actividade nas nosas costas neste senso porque as especies son difíciles de localizar. No entanto, nos meses de verán calquera navegante afeccionado persegue arroaces coa súa embarcación, desde que sae o sol até que se pon mesmo realizando actividades ilegais. Isto supón un risco importante, sobre todo para as crías. 

Como valorades a lexislación na materia?
Hai, non podemos dicir que non, mais desde o noso ponto de vista cremos que é insuficiente e que non está adaptada á nosa costa. Porén, o maior problema é que non se cumpre e á hora de a executar é complexo, máis no mar. Desde a CEMMA tentamos difundir o seu coñecemento para que sexa a propia cidadanía a que tente protexer o medio. 

Nos meses de verán calquera navegante afeccionado persegue arroaces coa súa embarcación, isto supón un risco

Recentemente a imprensa internacional fíxose eco do acontecido nunha praia de Santa Teresa (Bos Aires) onde un grupo de turistas causou a morte dun golfiño ao que sacaron da auga para se tirar unha foto con el. O descoñecemento leva a situacións coma esta?
Esa é unha situación que tiñamos aquí antes de 1990. Porén, co traballo de CEMMA e doutras entidades mellorouse moito, sobre todo porque a xente sabe que hai que avisar cando se produce un varamento através, por exemplo, do 112 que é que xestiona a maior parte das incidencias. Desta maneira actívase o protocolo en cuestións nas que, aliás, o tempo é crucial. Socialmente conseguiuse unha sensibilización bastante grande a este respeito. 

Os medios de comunicación, nese senso, xogamos un papel importante...
Como CEMMA pomos en andamento actividades de divulgación mais están moi limitadas, primeiro polo financiamento, e despois pola capacidade limitada de chegar a un público amplo. Os medios permiten, nese senso, chegar a un público masivo trasladando unha información correcta. Ora ben, non sempre se consegue, pola falta de formación das persoas xornalistas, a inmediatez... Através do A Fondo de Sermos Galiza tentamos tratar diversos aspectos sobre a diversidade mais tamén a conservación. Agardamos que chegue a un número amplo de persoas. 

Máis en Só en papel
Comentarios