#sermos201: 80 anos do estatuto do 36

Neste número lembramos os 80 anos da aprobación en referendo do primeiro estatuto, analizamos a recta final da campaña electoral, entrevistamos Antón Lopo co gallo do nacemento de 'Chan de Pólvora', viaxamos polos oficios tradicionais que perviven no país... Todo isto e máis, xa na nosa loxa.

Contra as sospeitas de pucheirazo, o 28 de xuño de 1936 a maioría da sociedade galega votou a prol do Estatuto de Autonomía que elaborara unha comisión da Asemblea de Municipios no verán de 1932. A vindeira terza feira fanse 80 anos daquel fito da historia de Galiza. Falamos do que supuxo ese paso para o noso páis en 'Necesidade de ser, vontade de existir'.

Sen 'A volta ás orixes' achegámonos á artesanía como un elemento chave na recuperación do rural galego. Falamos con alfareiros, artesáns musicais ou ferreiros sobre uns oficios que non poden valorarse só desde a perspectica estritamente económica.

sermos201Neste número falamos dunha das denominacións de orixe máis influíntes a nivel estatal, a DO Rías Baixas. Foi e é froito do traballo incansábel dun sector, adegueiros e viticultores, que desde un principio apostaron neste enclave galego e as súas variedades autóctonas, en especial a albariño.

A campaña

'A campaña dos platós televisivos madrileños'. Se nunha campaña gaña quen marca o temario ou o guión da carreira poderiamos dicer sen temor a equivocarnos que o PP vai en cabeza. A campaña está a ser como lle apetecía que fose a Arriola, o gurú dos populares: fría, átona, con pouco ambiente. Unha campaña televisiva madrileña. O BNG combate iso desde a rúa.

En 'O labirinto venezolano da OEA' Roberto Mansilla explica como a Organización de Estados Americanos volve estar sacudida polo cambio de correlación no continente. A invocación da Carta Democrática da OEA por parte do seu secretario xeral, Luis Almagro, e que podería resultar no extremo de expulsar a Venezuela, provocou o retorno das tensións no seo da organización.

Entrevistamos Daniel Coira, responsábel de Relacións Internacionais do Partido Comunista do Uruguai (PCU). “Ningún uruguaio debe vivir peor, ningún uruguaio debe perder o que a esquerda conquistou e imos a por máis. Ante a crise a saída é cara a adiante, non cara a atrás” .

En 90 países hai millóns de nenos e nenas condenadas a unha vida de adultas, privadas do seu dereito ao ensino e forzadas a traballar en condicións de explotación, cando non de escravitude. A ONU mantén para o ano 2025 o obxectivo de erradicar o traballo infantil. Porén, atinxilo exixe dun maior esforzo por parte dos gobernos. 'Traballo infantil no mundo, a escravitude non abolida'.

'Galiza perante os lobbies'. Móvense como peixe na auga entre os resortes do poder, teñen acceso privilexiado aos centros de decisión política, dispoñen de persoal preparado, así como de fondos inxentes, e teñen gran capacidade de influencia. Son unha presenza sen a que non se pode entender a política estadounidense e son determinantes nos corredores e despachos de Bruxelas. Existen tamén na Galiza? Habelos, hainos. En Análise imos á 'Demografía empresarial'.

Chan de Pólvora

Esta semana naceu unha nova editorial, Chan da Pólvora, unha nave literaria con Antón Lopo nos mandos e unha base no planeta Terra: unha libraría irmán -e homónima- que abriu o día 22 na compostelá Rúa de San Pedro. Toda unha aposta asinada por catro poetas e un deseñador: o propio Lopo, Gonzalo Hermo, Alicia Fernández, Eduard Velasco e Manolo Martínez. “A poesía é o xénero fundacional da literatura galega”.

En 'Poétic@, na corda frouxa' Fran Alonso explícanos como creou a súa aposta de literatura electrónica. “Pregúntome como tería sido a recepción do libro se o publicase só en papel”.

Co colectivo Xea coñecemos a Ponte Ledesma e as Insuas de Gres, o escenario da batalla que significou a vitoria da Xunta de Trasdeza sobre as tropas napoleónicas. Actualmente, un lugar onde se realiza unha romaría emblemática na que se pode degustar do mellor polbo do país.

Felipe Senén cóntanos dun novo invento arredor da Cidade da Cultura, “apelidado coa mesma desgana creativa como Bosque de Galicia. A cultura e a creatividade asoman por ningures nestes altares de Compostela. Non sei que diría ao respecto Fernández Flórez, creador de El bosque animado, e xa non digamos o esquecido arqueólogo compostelán, don Xesús Carballo, autor de Fida la hija del último druída Galaico, novela histórica sobre a orixe de Compostela”.

E non faltan as colaboracións de Pilar García Negro, Pepe Barro ou Xavier Queipo, así como as críticas de Mario Regueira e Andrés Castro. Na contra-capa, os festivais que veñen e na selfie.entrevista, Miguel Bastos, profesor de Ciencias Políticas na USC.

Este número 201 do Sermos Galiza xa está dispoñíbel na nosa loxa.

Máis en Só en papel
Comentarios