#sermos167: A avespa velutina veu para ficar

Máis un número do semanario en papel que sae do prelo. Á venda xa na nosa loxa. 

unnamed

Esta semana as páxinas do xornal en papel centran o Tema da Semana na praga de avespa velutina ou asiática e o debate sobre o estado da nación que ocupa a parte central do semanario. 

Aliás, en páxinas interiores afondamos no orzamento que destina o goberno español ao gasto militar, moito máis do proxectado. E é que nos últimos 12 anos investironse 15.600 millóns máis dos anunciados. 

Na sección de Política conversamos con Yolanda Díaz, coordenadora nacional de Esquerda Unida e vice-voceira de AGE no Parlamento. "Non traballo por marcas", asegura, "se non fose así AGE non existiría". 

Nas páxinas de comarcas camiñamos até A Coruña onde decorreu o xuízo a Nicanor Acosta pola súa participación nas mobilizacións contra o despexo de Aurelia Rey. Foi multado con 600 euros de sanción por un delito de "desorde pública". Os colectivos sociais advirten que as multas visan desmobilizar a resposta social. 

Tamén de violencia falamos na sección de Deportes. No concreto, daquela que ten lugar nas canchas após as intervencións do Comité de Competición e Disciplina Deportiva en dous encontros de deporte modesto. Os especialistas cren que son as familias as que fomentan comportamentos agresivos nas crianzas. 

En Internacional seguimos como avanzan as negociacións en Portugal de cara á formación dun novo goberno e facemos memoria no 40 aniversario da Operación Cóndor, un plano que marcou un punto de inflexión nas políticas de exterminio da esquerda revolucionaria latinoamericana, explica Manuel Mera, director da Fundación Moncho Reboiras. 

Aliás en Cultura debruzámonos sobre a música brasileira feita na Galiza. Todo isto e moito máis á venda xa na nosa loxa e nos puntos de venda habituais. 

Máis en Só en papel
Comentarios