A Xustiza anula o contrato directo da Xunta en Manzaneda

A empresa Artabria SL, adxudicataria do contrato directo por parte da Xunta para xestionar a estación de inverno de Cabeza de Manzaneda, foi relacionada con sociedades en Panamá.
A estación de inverno de Cabeza de Manzaneda. (Foto: Europa Press)
photo_camera A estación de inverno de Cabeza de Manzaneda. (Foto: Europa Press)

O Xulgado do Contencioso-administrativo número 1 de Ourense anulou a adxudicación do contrato para a xestión da estación de inverno de Manzaneda á empresa Artabria Turismo SL. 

A empresa, acusada de relación con sociedades panameñas

Como xa informou Nós Diario en marzo de 2021, a Xunta da Galiza concedeu por adxudicación directa a xestión da estación de inverno de Cabeza de Manzaneda a Artabria Turismo SL, empresa de recente creación e sen experiencia no sector, "relacionada con sociedades radicadas en Panamá e con importantes casos de corrupción internacionais", segundo explicaba o socialista Juan Carlos Francisco na comisión de Economía do Parlamento da Galiza.

Adxudicación directa da Xunta sen dereito á concorrencia

Nun auto con data do 16 de marzo de 2022 e do que informou na quinta feira o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG), a maxistrada estimou o recurso interposto por Grupo Sierra Xestión de Turismo contra a resolución de decembro de 2020 ditada pola sociedade pública Estación de Inverno Manzaneda SA (Meisa) pola que se adxudicou o contrato. 

A xuíza subliña que a sociedade demandada, que acudiu a un procedemento de adxudicación directa sen publicidade para elixir a empresa, "debeu, cando menos, solicitar tres ofertas, sen que no expediente exista razón algunha que xustifique a imposibilidade de cumprir tal requisito, máxime cando a recorrente puxera de manifesto o seu interese en ser convidada á participación".

Por iso, considera que infrinxiu "os principios de concorrencia e non discriminación".

Na sentenza, contra a que cabe presentar recurso, a maxistrada indica que "non existe ningún acordo ou acto en virtude do cal a sociedade teña resolto acudir ao procedemento negociado sen publicidade, senón que existe só o informe da xerencia e, directamente, a invitación a un único operador económico e posterior formalización do contrato".

Comentarios