Os deportes galegos de inverno claman por unha apertura inmediata da estación de Manzaneda

Tan propio destas festas son o turrón e as panxoliñas como o frío e a neve. É o tempo propio de practicar deportes de inverno como o esquí ou o snowboard, mais neste aciago 2020 terá que ser fóra da Galiza, pois o feche de Manzaneda, a única estación de montaña do país, obriga as deportistas a buscar alternativas no resto do Estado.
O fechamento da única estación de montaña na Galiza levou a que actualmente non se poidan practicar deportes como o esquí. (Foto: EMM Manzaneda).
photo_camera O fechamento da única estación de montaña na Galiza levou a que actualmente non se poidan practicar deportes como o esquí. (Foto: EMM Manzaneda).

A pesar de que unha transnacional dos refrescos leva décadas intentando impor o vermello como a cor máis representativa desta época, o branco da neve segue estando universalmente considerado como a estampa do Nadal por excelencia.

Os cerellos que por estas datas adoitan caer en zonas do país como Pena Trevinca, Os Ancares, O Courel, Lalín ou Agolada significan problemas para os transportistas, alegría para as crianzas e emoción para as ducias de miles de galegas que practican deportes de inverno. 

Non obstante, este infausto 2020 tamén é negro para elas, e non só a causa da pandemia do coronavirus, pois a única estación de montaña coa que conta Galiza, a de Manzaneda, permanece fechada desde o pasado mes de marzo, e a xente que se achegou até as instalacións coincide en afirmar que a imaxe de abandono que transmiten é propia de series postapocalípticas como The Walking Dead.

En plena tempada alta, as máis de 80.000 usuarias que no non tan afastado ano 2015 se achegaron até Manzaneda a practicar deportes como o snowboard ou diferentes modalidades do esquí vense obrigadas a saír da Galiza e a desprazarse, por exemplo, até as estacións de Catalunya, abertas desde o pasado día 14 de decembro.

Manzaneda, unha crise case endémica

Dentro de menos dunha semana, concretamente o 31 de decembro, remata a concesión da empresa Oca Nova, reponsábel desde 2012 da xestión dunhas instalación propiedade da sociedade Manzaneda Estación de Invierno S.A. (Meisa), que ten como máximos accionistas a Xunta da Galiza (49,65%) e Deputación de Ourense (49,45%), un ente que leva investidos só no último lustro case cinco millóns de euros no complexo turístico-deportivo entre acusacións de "oscurantismo" da oposición política.

A día de hoxe resulta imposíbel determinar que deparará o futuro para a estación de Manzaneda despois da marcha de Oca entre acusacións tan graves como estafar 1.300 euros a unha excursión de escolares ou a 'espantada' vía What'sApp do que fora xerente da mesma durante seis anos, Gustavo Sanmartín, a escasas semanas do inicio da tempada invernal, coa instalación fechada e con todo o cadro de persoal en situación de Expediente de Regulación Temporal de Empleo (ERTE).

Para máis INRI, a marcha de Sanmartín tivo lugar apenas tres días despois de que a mesa de contratación encargada de xestionar o concurso para atopar unha empresa que substitúa Oca Nova o declarase deserto, logo de considerar que STEM Internacional, a única firma que optaba, incumplira as bases.

Este escenario de incertidume levou a que colectivos de deportistas de inverno, artellados a través do Clube de Inverno Manzaneda, comezasen a recoller firmas para solicitar das administracións "apoio para salvar a estación de Cabeza de Manzaneda". Desde a Federación Galega de Deportes de Inverno, o seu presidente, Miguel Barreto, non se mostra optimista: "A cousa ten mala pinta".

Comentarios