Rueda avanzará as "liñas mestras" dos orzamentos a finais de mes no Parlamento

O presidente galego prepara novas rebaixas fiscais.
Alfonso Rueda nunha rolda de prensa após o Consello da Xunta. (Foto: Europa Press)
photo_camera Alfonso Rueda, nunha rolda de prensa após o Consello da Xunta. (Foto: Europa Press)

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, avanzou este domingo que comparecerá a petición propia no Parlamento, nun dos últimos plenos do mes, para "avanzar as liñas mestras" dos Orzamentos do país para o ano 2023. As contas, asegurou nunha entrevista concedida á Radio Galega, aprobaranse en tempo e forma e "reflectirán o máis fielmente posíbel a situación actual".

Sobre isto, comentou que se axustarán algunhas das axudas incluídas tendo en conta a inflación, traballarán para que os servizos públicos básicos manteñan un "elevado nivel" e, ademais, terase en conta que haberá determinados sectores económicos e persoas que, con actividades especialmente afectadas pola crise, "necesiten axudas directas".

Incluirán tamén, como xa avanzara nos seus primeiros discursos, novas rebaixas fiscais, que entrarían en vigor o ano que vén, como a redución do imposto á renda para as máis baixas, un tratamento fiscal máis vantaxoso para familias numerosas.

Por outra parte, Rueda tamén comentou algunhas das últimas noticias sobre o Goberno estatal, concretamente a posibilidade enunciada pola vicepresidenta Yolanda Díaz de limitar o prezo dalgúns alimentos. Non entrou a analizar pormenorizadamente esta proposta, mais considera o presidente galego que, dado o cruzamento de opinións dentro do Executivo, "máis que un Goberno é un grupo de xente opinando e un presidente que é un espectador e que centra os seus esforzos en atacar o líder da oposición".

Fondos Next Generation

Pide "menos propaganda e máis accións" por parte do Executivo de Sánchez en varios ámbitos, sobre todo no que atinxe aos fondos europeos, sobre os que criticou os "enormes atrasos e a gran cantidade de diñeiro sen mobilizar, con proxectos punteiros sen diñeiro".

Así, lembrou que Stellantis, "unha das maiores fábricas de coches do Estado español", non ten financiamento e que sobre Altri, "que cumpriu con todos os requisitos que marcara a ministra Calviño", tampouco hai novidades, "a pesar de que Sánchez dixo que habería noticias cedo".

Esta situación, apunta o líder da Administración galega, compromete a viabilidade de moitos proxectos. "Ou que Sánchez se poña as pilas ou que nos deixe ás comunidades autónomas", insistiu. Rueda tamén censurou a implantación dos trens Avril, sobre os que aínda non hai cronograma. Comentou que após a súa reunión co presidente, comprometeuse a crear unha mesa de diálogo, "e nada se sabe" aínda.

Nesta liña, lamentou a exclusión da Galiza do mapa de autoestradas ferroviarias e exhortou o Goberno estatal a corrixilo. "Sería catastrófico que non esteamos incluídos, sobre todo cando Portugal aposta na conexión coa Galiza", sinalou. Exixiu tamén máis información, "e máis clara", sobre as obras no viaduto do Castro da A-6 e "máis celeridade" nas axudas para as zonas afectadas polos incendios deste verán e declaradas zonas catastróficas.

Reunións cos alcaldes e alcaldesas

Xa en chave galega, Alfonso Rueda confirmou que se reunirá cos alcaldes e alcaldesas das cidades durante setembro e outubro, a comezar xa a próxima semana. Con eles e elas, sinalou, abordará as actuacións da Xunta e as demandas municipais.

Rueda mostra reticencias a aplicar a taxa turística

Unha desas peticións, que analizará xunto ao alcalde compostelán, Xosé Sánchez Bugallo, será a aplicación da taxa turística, neste caso en Santiago de Compostela. "Quero escoitalo, aínda que tamén ao sector. En principio, a min non me gustan estas taxas. Creo que hai espazo de crecemento sen aplicar esa taxa", indicou.

O presidente cualificou de "espectacular" a recuperación do turismo no que vai de ano. "Iso quere dicir que se están facendo ben as cousas. Acertamos no que criamos que ía buscar o novo turista", comentou Rueda, que non ve "masificación".

"Hai moitos plans de sustentabilidade, temos percorrido aínda, malia que haxa que preservar a convivencia cos que viven en cada lugar. Creo que non hai masificación e creo que hai ferramentas para que non apareza ou tarde, e de habela, poder reaccionar", insistiu.

Comentarios