A Xunta deixa de ingresar 9 millóns de euros semanais polos seus recortes de impostos

Alfonso Rueda comparecerá no Parlamento a vindeira semana para avanzar novas medidas fiscais cara a 2023. As rebaixas de impostos aplicadas polo Goberno galego recortaron os ingresos da Xunta no último ano nunha media de nove millóns de euros semanais, para alén de aliviar a presión fiscal sobre os grandes patrimonios.
rueda corgos
photo_camera O presidente Alfonso Rueda e o conselleiro Miguel Corgos. (Foto: Xunta da Galiza)

A Galiza, como o resto de comunidades do réxime común -as comunidades autónomas do Estado excepto Nafarroa e Euskadi-, ten certa marxe de manobra en política fiscal, podendo fixar tributos propios —por exemplo, o canon eólico—, actuar nalgúns dos cedidos —imposto de patrimonio— ou decidir sobre tramos e tarifas da súa parte do IRPF —50%—. Pode pois, se ben limitada, estabelecer unha certa política fiscal no marco das súas competencias. E cal foi esta política ao longo destes 13 anos de Gobernos do PP na Galiza?

María Cadaval, profesora de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela (USC), advirte que "non é doado" debullar a política fiscal dunha comunidade mais sitúa Galiza nunha situación "intermedia" na táboa de territorios no que atinxe a tarifas impositivas. En conversa con Nós Diario, a profesora da USC apunta, iso si, que "nos últimos anos" hai unha "tendencia" no Goberno galego a ir por camiños "miméticos" aos de Madrid, en canto a avanzar cara a rebaixas de impostos. Mais, apunta, Madrid ten o músculo do 'efecto capitalidade' para poder compensar a rebaixa de impostos e a Galiza non. "Véndese a mensaxe de que é bo baixar impostos, mais despois como se van pagar os servizos?", pregunta Cadaval.

Recortes

Así, a Xunta deixou de ingresar en 2021 —último exercicio completo– como consecuencia das rebaixas fiscais e segundo os cálculos da Consellaría de Facenda 500 millóns de euros, nove millóns de euros menos á semana. 

Neste sentido, a aposta dos gobernos de Alberto Núñez Feixoo —e dos que Alfonso Rueda facía parte, primeiro como conselleiro e despois como vicepresidente— traduciuse en rebaixas fiscais, nomeadamente en dous campos. Primeiro, nos tramos de competencia autonómica que beneficiaban as declaracións de base liquidábel —xa aplicadas as deducións posíbeis— de 27.700 a 35.200 euros, e de 47.600 a 60.000; máis que ás inferiores a eses tramos. O salario medio bruto na Galiza en 2021 non alcanzou os 21.900 euros.

O segundo punto desta estratexia fiscal da Xunta pasou por seguir o ronsel de Madrid e reducir impostos de doazóns e sucesións, así como de patrimonio. Ao ser estatais, non pode suprimilos mais si bonificalos, que é o que fixo, o primeiro a 100% e o segundo a 25%. 

Isto ten unha tradución concreta, sobre todo para as fortunas e patrimonios importantes: pasan a pagar moito menos por este concepto. Así, unha persoa solteira, de 30 anos de idade e que pase a herdar 800.000 euros do seu pai ou nai paga na Galiza cero euros, o territorio onde menos se abona por este imposto. En Catalunya, por exemplo, ten que pagar 44.000 euros e en calquera das provincias vascas (réxime foral), 3.150, por exemplo.

Tamén saen gañando as grandes fortunas coa bonificación de 25% aprobada pola Xunta para o imposto de patrimonio. Un imposto que parte dun mínimo exento de 700.000 euros ao que sumar outros 300.000 por vivenda habitual. Na Galiza, por un patrimonio de 800.000 euros o titular paga a Facenda 200 euros. Das 19 comunidades e cidades autónomas, a Galiza sería a 16ª onde menos se paga, lonxe dos 1.164 euros de Aragón ou 1.099 de Estremadura, cantidades, en todo caso, mínimas.

Este alivio da presión fiscal beneficia unicamente as máis de 8.000 fortunas que hai na Galiza. Son 8.242 persoas cun patrimonio medio de 6 millóns de euros. O que se paga na Galiza por un patrimonio de catro millóns de euros son 36.000 euros. Só en Madrid, A Rioxa, e Nafarroa e nas tres provincias vascas pagan menos. Como apunta o economista Marcelino F. Mallo a Nós Diario, "a dereita mantense fiel ao dogma neoliberal de reducir impostos en calquera conxuntura. Tanto ten que o PIB medre ou caia, que o emprego suba ou se reduza, que as rendas gañen ou perdan poder adquisitivo, que a inflación estea baixo control ou desbocada”.

A Xunta demanda 800 millóns

A principios deste ano o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, denunciaba na comisión parlamentar sobre financiamento, que a Galiza percibía ao ano 800 millóns de euros menos dos que precisaba para pagar sanidade, educación ou políticas sociais.  Só en 2021 as rebaixas de impostos do Goberno do que fai parte deixaron a Xunta sen ingresar 500 millóns de euros.

O "paraíso" de Madrid, non tanto para Galiza

A presidenta de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, volveu estes días gravar a política fiscal da comunidade, sen imposto de patrimonio nin sucesións, o que desde outros territorios se sinala como dumping fiscal. O certo é que a capital do Estado condiciona todo o mapa estatal e a Galiza sae prexudicada. Por exemplo, Madrid ingresa 49% de todos os impostos do Estado malia só representar.

19,3% do Produto Interior Bruto estatal. A alta recadación madrileña só é posíbel polo efecto sede, que a favorece en detrimento doutros territorios. En 2021, Madrid 'absorbeu' por volta de 2.000 empresas doutras comunidades , 113 delas galegas. Madrid é, ademais, onde tributan 3.900 sociedades que operan na Galiza, das que perto de 400 dedícanse a industria e enerxía. É na capital onde teñen a súa sede 44,5% das 1.000 maiores empresas do Estado, 50,4% das 500 máis grandes e 60% das 100 primeiras. E, para finalizar, Madrid é o territorio máis favorecido polo investimento público estatal: recibiu das contas públicas 84% máis do orzado en 2021 e as achegas á Galiza foron 33% inferiores.

Comentarios