A Xunta recorrerá ante o Supremo a paralización doutros sete parques eólicos

A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en funcións, Ángeles Vázquez, avanzou que a Xunta "Non pode quedar de brazos cruzados" ante a última decisión do TSXG.
Aeroxeradores no parque eólico de Sil e Meda, en Esgos, comarca de Ourense. (Fotos: Agostime / Europa Press).
photo_camera Aeroxeradores no parque eólico de Sil e Meda, en Esgos, comarca de Ourense. (Fotos: Agostime / Europa Press).

O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) acordou esta sexta feira a suspensión das autorizacións outorgadas pola Xunta da Galiza a sete parques eólicos –Rodicio II, Alto de Montouto, Meirama, Monte da Croa, Gato, Cunca e Serra do Farelo–.

Após esta decisión, a a responsable de Medio Ambiente da Xunta, Ángeles Vázquez, mostrou o seu convencemento de que o trámite é "impecable" e o rigor, "máximo", polo que recorrerán esta suspensión cautelar ante o Supremo.

"Nós recorreremos. Non podemos quedar de brazos cruzados", aseverou antes de apuntar que non se trata "dun problema da Galiza", xa que "se Galiza non cumpre" en materia de enerxías renovábeis, "España non vai cumprir".

Neste sentido, considera que o Goberno central debe "dar un paso á fronte" para evitar acabar "nunha situación de emerxencia de enerxía", tanto para os fogares como para as industrias, sinalou.

Beneficios e impacto

Así mesmo, a vicepresidenta segunda en funcións defendeu que a implantación de eólicos "ten que dar lugar a que haxa beneficios no territorio" e asegurou que niso traballa o Goberno galego.

"Lamentamos que isto ocorra. Seguiremos traballando co mesmo rigor, cumprindo a lei. Nun principio, púxose encima da mesa o trámite; ao final, o Supremo dixo que o trámite estaba ben, agora fálase de que poida haber incidencia. Calquera implantación no territorio ten incidencia, o que non pode ter é unha máxima incidencia e iso é polo que nós estamos a velar", resolveu.

Porén, xa son 27 os parques eólicos suspendidos de forma cautelar polo Tribunal Superior de Xustiza da Galiza, que até o momento emitiu un total de 42 autos referidos ás autorizacións administrativas e de construción concedidas pola Xunta da Galiza a unha trintena de proxectos. Só en tres deles, os parques denominados Vilartoxo, Neboada e Uxo, rexeitou a suspensión cautelar solicitada pola parte demandante.

Eólica mariña

Sobre a manifestación deste sábado en Burela contra da eólica mariña, Ángeles Vázquez sinalou que "é o mesmo" que os parques eólicos en terra.

Neste caso, criticou que o Goberno central fixo "un plan sectorial que non consultou coas comunidades nin co sector" e recoñeceu que "o difícil é o equilibrio", aínda que insistiu en que "se necesita enerxía".

"Debemos facer ben as cousas e temos que falar coa poboación, non temos que facer unha intoxicación. Pediría aos distintos grupos políticos que deixen de intoxicar e que ao final nos poñamos todos a traballar polo desenvolvemento de Galicia, que é fundamental", destacou.

Comentarios