Mariñeiros do Cantábrico maniféstanse contra a eólica mariña e "a poxa dos nosos caladoiros de pesca"

Ducias de persoas concentráronse diante da Confraría de Pescadores de Burela (A Mariña) para defender a actividade pesqueira da instalación de polígonos de eólica mariña.
Xente do mar do Cantábrico concentrada diante da Confraría de Pescadores de Burela. (Foto:
photo_camera Xente do mar do Cantábrico concentrada diante da Confraría de Pescadores de Burela. (Foto: Plataforma en Defensa da Pesca e dos Ecosistemas Mariños).

O sector pesqueiro que traballa no caladoiro estatal de Cantábrico-Noroeste, representada por asociacións e federacións de confrarías, concentrouse este sábado en Burela (A Mariña) para protestar contra a eólica mariña, xa que "é incompatíbel" coa biodiversidade dos ecosistemas mariños.

"Os proxectos de implantación de enerxía eólica mariña nas nosas costas non son compatíbeis cos usos existentes, nin coa escasa plataforma continental destas costas, que difire totalmente doutras zonas marítimas como o Mar do Norte ou o Mar Báltico".

Porén desde a Plataforma en Defensa da Pesca e dos Ecosistemas Mariños –que integra mariñeiros das Canarias, Andalucía e o Cantábrico– salientaron a riqueza dos ecosistemas que se verían afectados polos proxectos eólicos.

Aseguran que que estas iniciativas privadas non son compatíbeis "nin coa preservación da biodiversidade, nin co mantemento da actividade pesqueira, máxime cando as zonas de prioridade de instalación das instalacións eólicas se sitúan en caladoiros de pesca, e nalgúns casos preto de espazos mariños que gozan dalgún tipo de protección".

Na Galiza, o proxecto de Real Decreto para a produción de enerxía eléctrica de orixe mariña, cuxo prazo de alegacións rematou o pasdo 25 de marzo, pon en perigo a pesca en concellos como Cedeira, Muros, Boiro ou Burela, avisan.

Enerxías limpas fóra dos caldoiros

A frota, que segundo os últimos datos oficiais conta con máis de 4.300 unidades e máis de 12.000 mariñeiros que viven dos recursos das nosas costas que dan traballo en terra a máis de 48.000 postos indirectos, amosouse "moi alarmada" pola situación actual xerada polo cambio climático, que lles "afecta dobremente".

Por unha parte, como membros da sociedade civil e, por outra, como traballadores que dependen "do bo estado dos ecosistemas mariños" para "seguir vivindo da pesca e proporcionando alimento á poboación".

A xente do mar que este sábado saíu á rúa en Burela manifestouse partidaria da descarbonización e a implementación das enerxías renovábeis limpas que reduzan as emisións de CO2, pero "sempre que se instalen" fóra de caladoiros de pesca e "conten con avaliacións de impacto" previas e rigorosas desde todos os puntos de vista.

"A costa Atlántica e do Cantábrico non só contan cunha das frotas de pesca máis importantes de toda a UE, senón que é unha das costas máis ricas en caladoiros de pesca, contando por exemplo a costa asturiana e galega con máis de 200 caladoiros catalogados", destacaron durante a lectura do manifesto final.

Graves consecuencias

O sector pesqueiro cargou contra a implantación da enerxía eólica mariña nas costas e contra as présas do oligopolio enerxético por situar xa os muíños no mar.

Así destacou como "principais impactos acumulativos" no medio mariño a contaminación acústica, coas "graves consecuencias" para aves e mamíferos mariños, así como "os cambios na rapidez e dirección das ondas" e os posíbeis efectos de "alteración das correntes mariñas e a súa afectación aos substratos e á biodiversidade".

Na Mariña, como antes o Baixo Miño, A Coruña ou Ferrolterra foi escenario da expresión de loita dun sector produtivo imprescindíbel na Galiza contra un "cambio de paradigma, que poderosos grupos de presión con consentimento, en moitos casos, das nosas administracións, pretenden impoñernos".

Unha cambio que rexeitan e que seguirán a rebater, porque as e os traballadores do mar non aceptan "ir cara a unha industrialización do mar como fonte de enerxías renovábeis, en detrimento da produción de alimentos sostíbeis e saudábeis, en detrimento do sector pesqueiro, as súas familias e as comunidades pesqueiras", sentenciaron.

Comentarios