O Goberno galego recoñece a necesidade de captar "volume de auga" do encoro de Portodemouros para o proxecto de Altri

A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, alude á captación do proxecto de Altri de 46 millóns de litros de auga ao día no encoro de Portodemouros, mais di que "vai cumprir absolutamente con todos os condicionantes desde o punto de vista ambiental".
Javier Arias, o CEO de Altri, José Soares, os conselleiros de Economía e Medio Rural, Francisco Conde e José González, e Enyd López (Foto: Europa Press).
photo_camera Javier Arias, o CEO de Altri, José Soares, os conselleiros de Economía e Medio Rural, Francisco Conde e José González, e Enyd López (Foto: Europa Press).

A conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, defendeu esta cuarta feira o "proxecto tractor" que suporá para a Galiza a instalación da fábrica de Altri, actualmente en exposición pública. Porén, admitiu que necesitará captar "volume de auga" do encoro de Portodemouros.

Segundo Vázquez, a auga "vaise reutilizar". Neste sentido, sinalou que o proxecto "está en exposición pública" para "dar explicacións con total tranquilidade e transparencia". Ademais, considerou que o de Altri é "un moi bo proxecto" que "vai cumprir absolutamente con todos os condicionantes desde o punto de vista ambiental" e que será "único a nivel europeo".

Con todo, unha ducia de entidades do complexo pesqueiro da ría de Arousa rexistraron alegacións contra a solicitude de Altri de captar augas do río Ulla para fornecer a súa futura factoría de Palas de Rei, na comarca da Ulloa.

Os colectivos advirten do risco para os ecosistemas mariños e para a actividade económica na ría de estabelecer como punto de captación de augas o encoro de Portodemouros (algo que hoxe recoñeceu a conselleira), emprazado nos concellos de Agolada (Deza), Arzúa (comarca homónima), Santiso (comarca de Melide) e Vila de Cruces (Deza).

As reclamacións destes colectivos, ás que tivo acceso Nós Diario, sinalan que “do total de auga captada, polo menos o 80% volverá ao dominio público hidráulico potencialmente contaminado”. Ao tempo, alertan de que “non se identifican os químicos que se utilizarán nin tampouco o tratamento nin o sistema de depuración a utilizar –outro aspecto máis do fragmentado proxecto–, o que suporía un novo dano ao xa deteriorado río Ulla, onde existen captacións municipais para consumo humano e na desembocadura existe unha ría de Arousa que pode ver comprometida a súa produción marisqueira e a súa biodiversidade”.

A primeira parte do proxecto, a da captación de 46 millóns de litros de auga ao día no encoro de Portodemouros citada pola conselleira e a vertedura dous quilómetros arriba na parroquia do Sexo (Agolada), saíu a exposición pública en decembro. Centos de veciños e veciñas alegaron contra esa fase do proxecto, mais antes da contestación, a Xunta continuou coa tramitación da celulosa de Palas.

Veciñanza afectada en Palas de Rei, Melide, Santiso e Agolada directamente polo proxecto de Altri, organizada na Plataforma Ulloa Viva, critica que desde o anuncio do mesmo “houbo falta de transparencia total” tanto pola empresa como pola Xunta.

Os principais afectados por este proxecto critican que “nin a Administración nin a empresa explicou nada do proxecto, temos que coñecelo pola prensa e o DOG”. Critican o “fraccionamento” que a empresa e a Xunta teñen levado a cabo no proceso de exposición pública do proxecto, algo que “pode ser unha ilegalidade e que xa botou abaixo nos tribunais varios parques eólicos”, din.

Comentarios