A Xunta non prevé a volta do turismo de fóra do Estado até 2022

“Vai ser complicado” que as viaxes de fóra do Estado español á Galiza cheguen antes do ano 2022. Apuntouno esta quinta feira o vicepresidente primeiro da Xunta e responsábel de Turismo, Alfonso Rueda.

O vicepresidente Rueda informou hoxe da aprobación do plan de vacinación no Consello da Xunta. (Foto: Xunta da Galiza)
photo_camera O conselleiro Alfonso Rueda (Imaxe: Europa Press).

“Por min que veñan canto antes, pero, sendo realistas, o lóxico é pensar que será a partir do ano que vén”. Así se pronunciaba Alfonso Rueda nunha entrevista concedida a Europa Press a respecto do regreso dos e das turistas de fóra do Estado español á Galiza.

“Para que os visitantes estranxeiros regresen necesítase, entre outras cuestións, que a vacinación despegue, non só na Galiza, senón no resto do Estado e no resto de Europa, o que apraza até o inicio do próximo exercicio o turismo estranxeiro”, salientou.

Na mesma liña, o conselleiro puxo de manifesto que “pensar outra cousa, eu creo que nese momento sería ser pouco realista e suporía desaproveitar o empuxe que podemos ter para o turismo estatal este ano", resumiu.

Con esta “actividade interna”, e as “axudas que poidan seguir implantándose”, Rueda confía en que os estabelecementos poidan "ir sobrevivindo". Tamén apunta ao peso dos viaxeiros españois que busquen na Galiza zonas "menos masificadas". "De aquí en diante, e durante bastante un tempo, iso vai ser unha vantaxe", resolveu.

A respecto das subvencións a aeroliñas, amosouse firme en que ese sistema “non funciona”. "Se a formulación é recuperar o turismo internacional a base de subvencionar viaxes de liñas aéreas, desde logo esa non vai ser a política da Xunta", apuntou.

"Sobre a marcha fomos mellorando bastante"

A respecto da hostalaría, apuntou: “Somos conscientes de que tomamos decisións moi duras e ás veces con moi pouco tempo”. En ocasións, engadiu, "non houbo máis remedio que facelo así" para evitar efectos nocivos. "Non é nada sinxelo, e creo que sobre a marcha fomos mellorando bastante", apuntou o conselleiro sobre un dos sectores máis afectados pola crise.

Sobre o lecer nocturno, amosouse pesimista. E cualificou de “complicada” a súa reactivación”. Nada apuntou a respecto da demanda do sector do lecer nocturno e mais da hostalaría dun plan de rescate.

Comentarios