A hostalaría toma as rúas de Compostela para pedir un "plan de rescate real"

O groso das súas reivindicacións resúmense agora nun documento no que solicitan un plan "a medio prazo, de tres ou catro anos", con indemnizacións efectivas.
Manifestación rescate rector. (Foto: Europa Press)
photo_camera Manifestación rescate rector. (Foto: Arxina / Europa Press)

Centos de empresarios e empresarias de hostalaría de distintos puntos da Galiza déronse cita en Compostela onte, día no que se fai un ano desde a declaración da emerxencia sanitaria por parte da Xunta, nunha manifestación para pedir ás Administracións públicas "un plan de rescate real" non con axudas, senón con "indemnizacións".

A marcha, convocada pola Plataforma en Defensa da Hostalaría Galega, partiu pasadas as 19 horas da Alameda compostelá, onde se congregaron os participantes, que portaban pancartas nas que se podían ler mensaxes como "'Plan de rescate xa" e "Hostalaría somos todos".

En declaracións aos medios ao comezo da protesta, un dos directivos da Asociación de Hostalaría de Compostela e membro da plataforma convocante, Lois López, lamentou que "un ano despois" do inicio deste "calvario" o sector segue "sen un plan alternativo".

O groso das súas reivindicacións resúmense agora nun documento no que solicitan un plan "a medio prazo, de tres ou catro anos", que inclúa "unha serie de reformas lexislativas" concretos para a hostalaría e sectores dependentes desta.

Neste documento, a plataforma solicita unha "compensación" de 50% sobre a facturación media entre os anos 2016 e 2019 (75% para os locais de lecer nocturno), ademais de suspensión de taxas e impostos, unha rebaixa do IVE a 4% e unha redución de 50% dos alugueres.

Trátase de propostas "de base" sobre as cales os hostaleiros queren que "se traballe xunto co Goberno galego" para tratar un "verdadeiro plan de rescate real". Até o momento, explicou López, as axudas tanto da Xunta como as anunciadas esta semana polo Estado son "un punto moi importante para inxectar liquidez" nas empresas, pero son "insuficientes".

Tamén compareceu ante os medios a portavoz da Asociación de Hostalaría de Pontevedra (Hoempo), Elena Vitoria, quen profundou na complicada situación que atravesan estes negocios.

"Somos empresas intervidas polo Goberno, cun nivel de débeda nestes momentos totalmente inasumíbel. Estamos ao bordo do feche", aseverou Vitoria, quen recoñeceu que aínda que o sector debe ser "responsábel", ante unha "pandemia sanitaria" as medidas deben ser "sanitarias".

As proclamas, alén de reivindicar o rescate, dirixíronse especialmente ao presidente galego: "Alberto, queremos o bar aberto" e "Feijóo, liante, os cartos por diante".

Comentarios