Núñez Feixoo saca peito da súa xestión da pandemia

A Xunta non aplicará novas “restricións” no Nadal

A Xunta da Galiza non aplicará “restricións adicionais” para controlar a pandemia durante o Nadal “se as cousas se manteñen como están, cunha vacinación acelerada e prudencia”. Nestes termos, manifestouse Alberto Núñez Feixoo na tradicional comparecencia posterior ao Consello da Xunta, onde aclarou que a decisión definitiva se adoptará a comezos da semana que vén, unha vez coñecido “o impacto epidemiolóxico da ponte da Constitución”.

Alberto Núñez Feixoo comparecendo ao remate do Consello da Xunta. (Foto: Xunta da Galiza)
photo_camera Alberto Núñez Feixoo comparece ao remate do Consello da Xunta. (Foto: Xunta da Galiza)

"Tentaríamos non pedir máis do que vimos pedindo, que é o certificado Covid, vacinación, prudencia, máscara interior, distancia, hixiene e ventilación forzada de forma constante en todos os estabelecementos”, sinalou Feixoo, quen destacou que Galiza “é unha das rexións europeas” onde malia aos contaxios, a situación mellorou  “sobre todo se se compara co estado do resto de España”.

Vacinas para menores de 11 anos

O presidente galego volveu a sacar peito da súa xestión da pandemia. Nesa dirección, engadiu que Galiza dá pasos “acelerados” no referido ao proceso de inmunización, significando que é o territorio do Estado que máis vacinas subministrou en segunda e terceira dose. Ao tempo, destacou que á volta do sábado o país terá vacinado a unhas 60.000 persoas menores de 11 anos, “o 100%” das doses das que dispón a administración galega para este colectivo.

O titular do Executivo adiantou, tamén, a aprobación dun programa de 13 millóns de euros para a contratación de menores de 30 anos en centros de investigación, tecnolóxicos, universidades e fundacións públicas e privadas sen ánimo de lucro. O denominado proxecto Investigo fai parte do plan Emprega Xuventude, cuxo obxectivo é posibilitar á mocidade a primeira experiencia profesional nas administracións públicas.

Feixoo sinalou que a previsión é contratar entre 400 e 585 persoas, que obterán un contrato de 12 meses a xornada completa e no que “terán prioridade os empregos ligados á sanidade, transición ecolóxica e outros vencellados a big data e proxectos de investigación cultural ou social”.

Economía social

O Goberno galego aprobou na súa xuntanza desta quinta feira a aprobación de tres liñas de axuda para impulsar a economía social con apoios á rede Eusumo, a asociacións e á contratación de persoas en risco de exclusión. Segundo afirmou Feixoo, “o investimento de 2 millóns de euro formará parte do total de 35 millóns que se destinarán o próximo ano a crear e fomentar o emprego na economía social”.

A primeira liña de axudas contará cun millón de euros de orzamento, aproximadamente 25% máis que o ano anterior, e permitirá apoiar ás empresas de inserción laboral na contratación de persoas en risco de exclusión social.

A este respecto, Feixoo indicou que “como requisito os solicitantes deberán ter 30% do cadro de persoal ocupado por estes perfís e a duración dos contratos deberá ser superior aos seis meses con xornadas laborais por riba de 50%”.

A segunda das liñas disporá de 683.000 euros e beneficiará a preto de 50 entidades que chegan a máis de 4.000 persoas, contando a terceira das liñas con 330.000 euros para sufragar gastos diversos.

Comentarios