A Xunta crea a figura de "interese público superior" para blindar os proxectos eólicos ante os reveses xudiciais

Enmárcao "de conformidade co estabelecido" nun regulamento europeo de 2022 polo que se estabelece un marco "para acelerar o despregamento de enerxías renovábeis".
Aeroxeradores do parque eólico de Sil e Meda, en Esgos, na comarca de Ourense. (Foto:
Agostime / Europa Press)
photo_camera Aeroxeradores do parque eólico de Sil e Meda, en Esgos, na comarca de Ourense. (Foto: Agostime / Europa Press)

O proxecto de lei de acompañamento dos orzamentos da Xunta para o ano que vén recolle a declaración de interese público "superior" da planificación, construción e explotación de parques eólicos de competencia autonómica. Así, no caso de que se presente un recurso administrativo contra os actos de autorización do proxecto de parque eólico ou das súas infraestruturas de evacuación e se solicite en consecuencia a suspensión da execución do acto impugnado, "terase en conta o estabelecido neste artigo na ponderación que debe efectuarse de acordo co estabelecido na lexislación de procedemento administrativo".

Esta nova modificación que incorpora a Xunta a través da lei de medidas fiscais e administrativas —aprobada esta semana polo Consello e que esta sexta feira foi entregada na Cámara xunto ás contas para iniciar a súa tramitación parlamentaria— prodúcese nun contexto no que diferentes promotores eólicos impulsan varios parques na Galiza que están pendentes da súa posta en marcha, algúns deles suspendidos polos tribunais após os recursos de organizacións ambientais e plataformas veciñais.

En concreto, o proxecto de lei que agora debe tramitar o Parlamento recolle esta declaración de interese público superior da planificación, construción e explotación de parques eólicos de competencia autonómica, "así como das súas infraestruturas de evacuación". Esta declaración inclúe "os seus procedementos de autorización, construción e posta en funcionamento".

Enmárcao "de conformidade co estabelecido" nun regulamento europeo de 2022 polo que se estabelece un marco "para acelerar o despregamento de enerxías renovábeis" e circunscríbeo para parques eólicos de competencia autonómica cuxa data de inicio estea comprendida entre o 30 de decembro de 2022 e o 30 de xuño de 2024, así como aqueles que se iniciasen con anterioridade e nos que non recaese resolución definitiva na vía administrativa antes do 30 de decembro de 2022.

"Presumirase que se trata de proxectos de interese público superior e que contribúen á saúde e á seguridade públicas aos efectos previstos no artigo 3 do referido regulamento", destaca a lei de acompañamento da Xunta. Engade que esta disposición "será extensiva a procedementos de autorización que se inicien con posterioridade a 30 de xuño de 2024 cando así o determine o dereito da Unión Europea".

Un artigo fixa a ponderación dese interese público superior, no sentido de que "implica a presunción de que as indicadas actividades responden a ese interese público superior e contribúen á saúde e seguridade públicas, polo que a indicada presunción terase en conta como un elemento relevante ao ponderar os intereses xurídicos de cada caso no proceso de planificación, concesión de autorizacións e posta en funcionamento, salvo proba en contrario e sen prexuízo das normas que poidan determinar a ponderación doutros intereses para casos concretos".

"En particular, a presunción indicada no apartado anterior, sen prexuízo do indicado respecto de determinada normativa ambiental no regulamento (UE) 2022/2577 do Consello do 22 de decembro de 2022, terase en conta nos procedementos de avaliación ambiental necesarios para a autorización dos proxectos, de tal modo que se dea prioridade á construción e explotación dos parques e ao desenvolvemento das súas infraestruturas de evacuación, salvo cando existan elementos probatorios suficientes que acrediten que devanditos proxectos teñen efectos adversos importantes sobre o medio ambiente e sobre a paisaxe que non poden mitigarse nin compensarse", resalta.

Desta forma, de acordo coas previsións da lexislación estatal básica e autonómica sobre a conservación da biodiversidade, "non se poderá prexudicar o mantemento nun estado de conservación favorábel das poboacións de especies silvestres que, no seu caso, poidan estar afectadas, na súa área de distribución natural". "Presumirase que a avaliación ambiental realizada resulta válida, de conformidade co estabelecido na lexislación de procedemento administrativo, e que na declaración de impacto ambiental efectuouse unha valoración adecuada dos efectos significativos do proxecto no medio ambiente e sobre a paisaxe, "así como que son suficientes as medidas preventivas, correctoras e compensatorias estabelecidas, todo isto sen prexuízo da existencia de proba suficiente en contrario".

A Consellaría de Industria encargarase do seguimento dos efectos no medio ambiente dos parques eólicos en construción para identificar con celeridade "os posíbeis efectos adversos non previstos" e levar a cabo medidas para evitalos.

Comentarios