O conselleiro do Mar bota balóns fóra ante as críticas á xestión da Xunta da crise marisqueira

Nacionalistas e socialistas urxiron a Mar a tomar medidas ante a crise
Alfonso Vilares compareceu a petición propia. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Alfonso Vilares (Foto: Nós Diario)

O conselleiro do mar, Alfonso Vilares, optou esta cuarta feira no Parlamento galego por sinalar o Goberno español para eludir as críticas desde a oposición pola xestión da Xunta da Galiza na crise do marisqueo. Vilares dixo que  o Goberno español non achega "nin un euro" a mariscadoras galegas ante a situación de caída de produción que padecen, á vez que se queixa de que o Executivo de Pedro Sánchez non respondese á petición da Xunta da declaración de zona catastrófica das rías galegas pola mortaldade do marisco.

No pleno do Parlamento galego, a deputada do BNG Rosana Pérez alertou de datos "absolutamente devastadores" do marisqueo na Galiza no último ano e acusa a Xunta de que "segue sen facer nada ante esta desfeita", con "miles de persoas paradas".

Pérez advirte que desde o ano 2009 as mariscadoras a pé baixaron desde as 4.281 ata 3.500, o que supón 781 mariscadoras menos (-18%) actualmente. En cambios, expón que no que vai de 2024 incautouse tanta ameixa ilegal procedente de Portugal como en 2023. Por iso, Pérez cuestiona se "só chove e baixa a salinidade na Galiza". A deputada nacionalista pregunta ao conselleiro "se ten algunha estratexia" ante esta problemática, pois sostén que a Xunta "está a actuar para outros intereses que están moi lonxe do sector marisqueiro galego" .

Nunha pregunta posterior, o deputado socialista Julio Abalde (PSdeG) deixou claro que "a xente do sector non quere vivir de subvencións", senón traballar, polo que require que se rexeneren os bancos marisqueiros para que haxa emprego. Reclamou á Xunta que “poña as pilas” e elabore un Plan estratéxico para o sector marisqueiro.

O sector marisqueiro galego vive un dos peores momentos da súa historia. A media de ingresos nos cinco anos anteriores a 2023 era de 66 millóns de euros e o ano pasado foi de 47,5 millóns de euros. Constata esta situación o profesor do Departamento de Economía Aplicada da USC, Gonzalo Rodríguez. “O detonante foron os réximes de choivas, moito máis acentuados en 2023 que noutros anos, concentrados no último trimestre, coa consecuencia da rebaixa da salinidade das augas”, apunta recentemente  a Nós Diario.

Entre os datos que manexa este investigador galego salienta que unha especie como o berberecho “quedou en 25% da que había en 2022”. As caídas, engade, “tamén afectaron á ameixa (fina, babosa e xapónica) e á navalla”, ou sexa, “todas as especies importantes para o marisqueo a pé e en parte do de a flote”.

Rodríguez, con datos da Plataforma Tecnolóxica da Pesca da Xunta da Galiza, sinala que toda a produción de marisqueo na Galiza en 2023 (no conxunto de todas as especies) reduciuse, de media, “nun 52% en comparación cos cinco anos anteriores”  ademais de baixar “un 28% en valor económico”.

Comentarios