A Xunta entorpece as inspeccións nas residencias

A conivencia entre o Goberno e a patronal das residencias, no punto de mira.

A máxima directiva de DomusVi, Josefina Fernández, entre Núñez Feixoo e Ana Pastor, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Circulo.gal)
photo_camera A máxima directiva de DomusVi, Josefina Fernández, entre Núñez Feixoo e Ana Pastor, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Circulo.gal)

Unha parte importante do persoal do servizo de Inspección da Consellaría de Política Social séntese molesta ao entender que existe convivencia entre os seus responsábeis políticos e os propietarios das residencias de maiores. Segundo sinala a Nós Diario o delegado sindical da CIG no comité de empresa de Política Social da Coruña, Xoán Carlos Ansia, “temos información do malestar dos inspectores por unha serie de medidas que están adoptando os responsábeis da Consellaría para paralizar a tramitación de expedientes elaborados polos servizos de Inspección onde se constatan incumprimentos da normativa legal por parte dalgunhas residencias”.

A denuncia de Ansia é confirmada a Nós Diario por algunhas traballadoras e traballadores do servizo de Inspección da Consellaría de Política Social. A este respecto indican que as actas presentadas desde o mes de marzo recollen “as clásicas incidencias das residencias” como o “incumprimento das ratios de persoal”, “ausencia de sanitarios nas quendas de noite” ou “falla de medidas de prevención esixidas pola pandemia”. “Sabemos que hai expedientes de sanción a diversas residencias propostas polos inspectores por unha contía de varios centos de miles de euros agardando a súa aprobación definitiva polos responsábeis políticos da Consellaría”, destaca Ansia, quen teme que estean paralizadas “polas presións dos empresarios do sector”. 

“A Xunta da Galiza non ten problema en reunirse coa patronal das residencias ou das escolas infantís, con quen se xuntou esta semana a conselleira Fabiola García para falar do funcionamento do servizo de Inspección, pero leva un ano negándose a recibir representantes dos traballadores de Política Social”, destaca Ansia, quen ve nesta actitude “unha total decantación cara ao capital privado da Consellaría, que segue sen explicar a alta mortalidade nos centros de maiores privados e a nula mortalidade nos públicos”.

“Non é certo que estean morrendo persoas en todas as residencias, están morrendo persoas nas residencias privadas”, conclúe Ansía.

As queixas pola falla de atención do Goberno galego ás denuncias presentadas polos servizos de Inspección son coñecidas. Neste sentido, o informe do Consello da Contas da Galiza sobre as residencias indica como a Xunta da Galiza obviou boa parte das 65 actas elaboradas en 2014 e 57 en 2015, malia advertiren de graves irregularidades en varios centros de maiores, algúns dos cales concentraron o meirande número de falecementos durante a pandemia. A este respecto, os responsábeis de Política Social sabían desde había anos da situación en residencias como a de DomusVi en San Lázaro, Compostela, ou a de Salvaterra.

O portavoz da Federación REDE, que agrupa as familias das e dos usuarios das residencias, Paulino Campos, non aforra críticas cara aos responsábeis dos servizos de Inspección de Política Social.

En declaracións a Nós Diario, lembra que “as familias levamos ao xulgado dúas das persoas que máis se significaron nesas malas praxes, políticas e profesionais, o antigo director xeral de Maiores, Ildefonso de la Campa, e a actual xefa dos servizos de Inspección de Política Social, Berta Besada Porto, da que solicitamos a súa dimisión en varias ocasións. E temos moi malas sensacións co novo superior de Berta Besada, o subdirector xeral de Autorización e Inspección de Servizos Sociais”.

Comentarios