A compañía DomusVi informa que resultou beneficiaria do Programa Integrado de Emprego da Galiza, o instrumento da Xunta dirixido á mellora da ocupación e a inserción laboral de persoas en situación de desemprego.
A compañía informa que “ao longo dos 12 meses que dura o programa, DomusVi formará a un total de 100 persoas con vocación de traballar no sector sociosanitario”.
O Programa Integrado de Emprego de DomusVi está dirixido a mulleres e homes menores de 30 anos en situación de desemprego, así como mulleres en xeral de toda Galiza, que durante o tempo que dure a formación gozarán de axudas de asistencia diaria e servizos de conciliación para nenos e maiores.
Domus Vi está no albo da polémica pola xestión das súas residencias na pandemia da Covid. Familiares de usuarios e sindicatos inciden nas críticas durante estes meses.
A conselleira delegada de DomusVi, Josefina Fernández Miguélez, compareceu hai unas semanas no Parlamento galego, comparecencia que serviu para confirmar o incumprimento das ratios de persoal esixidas pola lexislación nas residencias do primeiro operador da dependencia da Galiza. A unha pregunta da deputada do BNG, Olalla Rodil, a directiva de DomusVi recoñeceu que “a ratio de persoal é sagrada pero hai veces que pasamos varios días sen o persoal necesario”, na liña do denunciado polas actas dos servizos de inspección de Política Social e recollido no informe do Consello de Contas de 2017.