18-F

A Xunta Electoral Central abre ao PP o primeiro expediente sancionador e apunta ás "reiteradas infraccións"

"Este conxunto de circunstancias conforma un marco que determina a necesidade de incoar un expediente sancionador para depurar a posíbel responsabilidade en que se puido incorrer por esta posíbel vulneración nova do artigo 53 da que trae causa o presente recurso", precisa a XEC, aludindo ás numerosas ocasións en que Rueda, o PP e o Goberno galego vulneraron a lei electoral.
O presidente da Xunta e candidato do PP, Alfonso Rueda, o pasado domingo na Feira do Cocido de Lalín. (Foto: Elena Fernández / Europa Press)
photo_camera O presidente da Xunta e candidato do PP, Alfonso Rueda, o pasado domingo na Feira do Cocido de Lalín. (Foto: Elena Fernández / Europa Press)

A Xunta Electoral Central vén de estimar o recurso interposto polo PSdeG contra o acordo da Xunta Electoral da Galiza do pasado 29 de xaneiro no que esta se limitaba a ordenar ao PP retirar das redes sociais o vídeo 'Illa de Estabilidade', ao considerar que tiña carácter "electoralista" e que vulneraba a normativa electoral que o prohibe antes do inicio formal da campaña.

Con todo, a XEC decidiu agora ir un paso máis aló e abriu aos populares o primeiro expediente sancionador. Entre outros argumentos, ademais de que os efectos derivados da difusión do vídeo "perviven" na internet a pesar de que sexa retirado, alude á reiteración de infraccións por parte dos populares do artigo 53 da lei electoral.

En concreto, lémbrase que no segundo parágrafo deste artigo, a norma determina que "desde a convocatoria das eleccións ata o inicio legal da campaña, queda prohibida a realización de publicidade ou propaganda electoral [...], non podendo xustificarse ditas actuacións polo exercicio das actividades ordinarias dos partidos, coalicións ou federacións".

Así, a Xunta Electoral Central apunta que, aínda que a galega acordase que o vídeo denunciado polos socialistas fose retirado das redes sociais, iso "non impide que os efectos derivados da súa difusión pervivan nun medio como internet". Pero tamén se alude a que a documentación que obra no expediente evidencia que xa en días previos a propia Xunta Electoral da Galiza adoptou dous acordos máis nos que estimaba que o PP cometera "outras tantas infraccións" contra a normativa electoral.

"Este conxunto de circunstancias conforma un marco que determina a necesidade de incoar un expediente sancionador para depurar a posíbel responsabilidade en que se puido incorrer por esta posíbel vulneración nova do artigo 53 da que trae causa o presente recurso", xustifica agora a XEC na resolución coñecida esta cuarta feira.

Previamente, na súa liña de argumentos, lembra que o órgano xa sinalara de forma reiterada que son as circunstancias concretas as que xustifican cando abrir expediente e agrega que se optou en distintas ocasións por dar este paso sen un apercibimento previo "atendendo a outras circunstancias como a gravidade ou a pluralidade de accións infractoras realizadas".

O acordo é firme en vía administrativa, aínda que contra o mesmo cabe a interposición de recurso contencioso-administrativo ante a Sala Terceira do Tribunal Supremo no prazo de dous meses desde a súa notificación.

Comentarios