18-F

Enésimo apercibimento da Xunta Electoral a Rueda, o Goberno galego e o PP por saltar a lei

"Recórdaselle ao denunciado a vixente prohibición de realizar calquera outra difusión de declaracións deste tipo, advertíndoo de que se realiza nunha conducta similar, procederase a incoar, se é o caso, o correspondente procedemento sancionador", salienta o organismo en dúas resolucións favorábeis (parcialmente) ao BNG.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, nunha rolda de prensa após o Consello da Xunta. (Foto: Arxina)
photo_camera O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, nunha recente rolda de prensa após o Consello da Xunta. (Foto: Arxina)

O PP volve saltar a lei electoral. A Xunta Electoral da Galiza volve dar a razón ao BNG estimando parcialmente as denuncias de "uso partidista e electoralista" dos recursos públicos por parte do PP, tal e como vén de comunicar a través de dúas resolucións o órgano de administración electoral. Estes novos apercibimentos súmanse a unha longa lista que acumulan tanto o propio Partido Popular como o seu dirixente e presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, e mais o propio Goberno galego ao longo da precampaña de cara ao 18-F.

Ante a denuncia do Bloque en relación á vulneración por parte do PP do artigo 53 da LOREX sobre propaganda e contido electoral, a Xunta Electoral conclúe que o PP vulnerou tal precepto ao estimar que "se ben é certo que en ningún deles se pide expresamente o voto, isto non é motivo para non considerar como propaganda electoral calquera actividade que directa ou indirectamente pretenda a captación de sufraxios".

"No presente caso inclúense mensaxes que reflexan a intención de persuadir ao elector en orde a apoiar a devandita formación política e polo tanto exceden do que se considera funcións constitucionalmente recoñecidas aos partidos políticos", afonda na súa resolución o organismo que vela polo 'xogo limpo' nos procesos electorais.

En relación á denuncia do BNG sobre o uso "partidista" da web institucional da Xunta por parte do PP para "realizar anuncios electoralistas", a Xunta Electoral estima tamén, en concreto sobre o anuncio de convocatoria de axudas para facilitar á xente moza a obtención do carné de conducir, que "o presidente da Xunta, que é público e notorio que é un candidato ás próximas eleccións autonómicas, puido terse limitado a cumprir as súas funcións institucionais de transparencia no senso de dar a coñecer a concesión de axudas destinadas a ese fin; porén, fixo unha valoración delas que exceden das ditas funcións xa que, obxectivamente e nun proceso electoral en curso, teñen unha connotación electoralista".

Segundo a resolución, "desas frases, claras e precisas, é posíbel inferir unha identificación da súa condición de presidente da Xunta —coas conseguintes competencias que lle confire o ordenamento xurídico—, coa súa condición de candidato, co fin de persuadir ao potencial elector de que o vote e, deste modo, a entidade política pola que se presenta, obteña unha maioría de apoio electoral". Con esta forma de proceder considera vulnerado, máis unha vez, o principio de neutralidade dos poderes públicos.

En ambos os casos, a Xunta Electoral ordena retirar as informacións postas en entredito e incide: "Recórdaselle ao denunciado a vixente prohibición de realizar calquera outra difusión de declaracións deste tipo, advertíndoo de que se realiza nunha conducta similar, procederase a incoar, se é o caso, o correspondente procedemento sancionador".

Comentarios