Parlamento

A oposición ve "migallas" no que a Xunta cualifica de "histórico investimento" aos concellos

"Desde a Xunta nunca houbo tanto diñeiro, atendemos cada vez máis concellos para as necesidades que nos trasladan", argumentou Natalia Prieto, directora xeral de Administración Local.
Comisión Institucional do Parlamento da Galiza, esta mañá. (Foto: Europa Press)
photo_camera Comisión Institucional do Parlamento da Galiza, esta mañá. (Foto: Europa Press)

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, defendeu esta quinta feira no Parlamento investimento "histórico" da Xunta da Galiza neste exercicio para os concellos fronte ás críticas do PSdeG e o BNG, que, entre outras cuestións, cualificaron de "migallas" as axudas. "Desde a Xunta nunca houbo tanto diñeiro, atendemos cada vez máis concellos para as necesidades que nos trasladan", argumentou Prieto, que reprochou ao Goberno estatal a "falta de colaboración". "Os galegos non teñen o diñeiro que lles corresponde", sinalou, na Comisión Institucional da Cámara galega.

Fronte ás denuncias da oposición sobre "axudas partidistas", en referencia ás recibidas polos gobernados polo PP, Natalia Prieto indicou que "maioritariamente", 63%, foron "en réxime de concorrencia competitiva, como estabelece a lei". "O actual sistema de financiamento prexudícanos e levamos anos reclamando unha modificación", dixo, á súa vez, nas súas críticas ao sistema implantado a nivel estatal e sobre as contías que reciben as autonomías.

Por outra parte, cifrou en 298 os municipios que presentaron proxectos para as axudas. "O 90% dos que se dirixiron a nós obtivéronas", citou, entre outros datos. Aliás, remarcou as partidas para mellora de eficiencia enerxética ou da rede de abastecemento, así como para a mellora da contorna natural pola implantación de parques eólicos.

Prieto apelou tamén a acordos entre Xunta e concellos e considerou que non é "aceptábel" que se fale desde a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) dunha "débeda suposta de 600 millóns de euros". "Non deriva dun traballo rigoroso", sentenciou, sobre esta cifra.

Desde o PSdeG, a deputada Begoña Rodríguez Rumbo pediu que se regule por lei o financiamento local e cuestionou as axudas recibidas polos concellos fusionados "que son do PP". "O fondo de cooperación basee segue conxelado en todos os anos que leva gobernando o PP", recalcou.

Á súa vez, o deputado do BNG Luís Bará incidiu en que os muncipios con parques eólicos demandan máis axudas e que os concellos piden unha "repartición xusta". "Queren que todo vaia a un mesmo fondo e con criterios obxectivos", sostivo, nunha intervención na que denunciou que faltan proxectos para a transformación do rural.

"Así é imposíbel que haxa equilibrio territorial", engadiu fronte aos argumentos da deputada do PP Ana Belén García, que defendeu que a "Xunta sempre apoiou e seguirá apoiando aos concellos" e destacou o incremento de 15% este ano das achegas a municipios.

En concreto, de acordo con os datos achegados pola directora xeral, a Xunta impulsa máis de 600 proxectos municipais para mellora de instalacións e servizos cun orzamento de 27,2 millóns de euros a través de diversas liñas específicas de apoio aos concellos a través de medidas como a orde de infraestruturas de uso público, o fondo de compensación ambiental ou o fondo adicional do de Cooperación Local.

Comentarios