O BNG insta Feixoo a "aclarar" o incremento do seu patrimonio en case un millón desde 2020

"Non consta que Feixoo dese cumprimento a esa obriga regulamentaria", lamenta o deputado Iago Tabarés.
O deputado nacionalista Iago Tabarés, en rolda de prensa. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O deputado nacionalista Iago Tabarés, en rolda de prensa. (Foto: Nós Diario)

O BNG exixiu esta quinta feira ao expresidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, que "aclare" diante do Parlamento o "relevante" incremento do seu patrimonio entre 2020 e 2022. A bancada nacionalista rexistrou unha solicitude para que o presidente da Comisión do Estatuto do Deputado convoque unha sesión "de forma urxente", pois hai máis dun ano que non se convoca ningunha.

Nunha rolda de prensa ofrecida esta quinta, o deputado Iago Tabarés precisou que nos últimos meses máis dunha decena de deputados cesaron nas súas funcións, e outros tantos tomaron esa mesma condición. "Moitos presentaron declaracións modificativas, tanto de patrimonio como de actividades", indicou Tabarés. Con todo, lembrou que o seu paso pola comisión é necesario para a súa publicación no portal de transparencia, "é dicir, para o seu coñecemento por parte de toda a cidadanía".

Tamén lembrou que continúa pendente por parte da citada comisión, a determinación de procedencia dunha solicitude realizada polo BNG na última reunión de xullo de 2022 para pedir de Alberto Núñez Feixoo unha "aclaración" do "relevante incremento" patrimonial experimentado entre 2020 e 2022. "En todo ese tempo non consta comunicación do expresidente da Xunta sobre cambios", afeou.

"E non se convoca desde xullo de 2021 a comisión. Seguro que non hai relación causa-efecto entre esa petición do BNG e que se deixe de convocar a comisión, algo sen precedentes na historia deste Parlamento", deslizou Tabarés. A este respecto, apuntou que a presentación das declaracións xa era unha "práctica habitual" antes de 2015, pero que coa reforma do regulamento dese ano, "é obriga de todos informar das variacións patrimoniais substanciais", unha reforma aprobada "exclusivamente con votos do PP e o PSdeG", engadiu.

"Non consta que Feixoo dese cumprimento a esa obriga regulamentaria", insistiu. Ademais, indicou que esta actitude contrasta coa doutros compañeiros de partido, que si as presentaron, e co propio ex presidente, que en 2019 si o fixo pola subscrición dun préstamo. "Por tanto, si é consicente de que esa obriga existe. Por que non o fixo en 2021 e 2022?", sinalou o nacionalista.

O deputado do Bloque sinalou que entre xullo de 2020 e xuño de 2022, Feixoo experimentou unha variación patriomonial superior aos 850.000 euros, da que non informou. "Non podemos afirmar que veñan de sobresoldos espúreos, nin de gastos de representación como os que agora se descubriron no Senado, non podemos afirmar iso porque non sabemos da súa procedencia", matizou.

"Por iso, o único que pedimos é repeto á cidadanía, transparencia e cumprimento do regulamento da Cámara, aprobado polo propio pp en 2015. Tamén pedimos que non obstaculicen o normal funcionamento desta institución, non convocando esa comisión, importante para o nivel de transparencia", afirmou Iago Tabarés.

Comentarios