Vivenda

A Xunta sobe o prezo máximo da vivenda protexida entre 87 e 142 euros o m²

A Xunta da Galiza revisou á alza os prezos máximos de venda e aluguer da vivenda protexida, a segunda suba en dous anos —a anterior foi en 2021— após máis dunha década sen variación. Esa suba é de entre 87 e 142 euros o metro cadrado, segundo réxime e localización.
Construción de vivenda protexida no barrio do Castiñeiriño, Compostela (Foto: Arxina).
photo_camera Construción de vivenda protexida no barrio do Castiñeiriño, Compostela. (Foto: Arxina)

O Diario Oficial da Galiza (DOG) publicou esta quinta feira a resolución pola cal se actualizan á alza os prezos máximos (OMS) de venda e aluguer de vivenda protexida, unha decisión que xustifica amparándose na inflación que tamén afecta este sector: "A alza dos prezos da construción experimentada nos últimos anos implica a necesidade de actualizar os prezos para garantir a viabilidade da promoción de vivenda protexida de nova construción". Estes prezos xa foran actualizados en 2021 após doce anos sen modificacións.

Con base no disposto nesta orde, os prezos máximos (PMS) da vivenda en primeira transmisión determinaranse segundo o seu réxime —especial, xeral ou concertado— en función da área xeográfica onde estean situadas. As contías límite oscilan entre os 1.172 e os 1.916 euros por metro cadrado (m²), o que supón unha suba de entre 87 e 120 euros por metro cadrado. En concreto, en réxime especial —para persoas con ingresos máximos 2,5 veces o Indicador público de renda de efectos múltiples (Iprem)— será de 1.620 euros por metro cadrado (120 euros máis) en zona de prezo máximo, de 1.431 en zona 1 (aumenta 106 euros) e de 1.172 (+87 euros)en zona 2.

Réxime xeral e concertado

En réxime xeral —persoas con ingresos máximos 4,5 veces o Iprem—, os prezos serán de 1.712, 1.566 e 1.296 euros por metro cadrado, dependendo da zona. Isto supón, respectivamente, 127, 116 e 96 euros de aumento por m².

Finalmente, as de réxime concertado —ingresos máximos 6,5 veces o Iprem— oscilarán entre os 1.916 para PMS (+142 euros) e os 1.458 euros por m² da zona 2 (108 euros de incremento), mentres na zona 1 será de 1.644, o que supón 122 euros máis.

A respecto do aluguer, o DOG fixa que o PMS variará entre os 59,94 euros por metro cadrado de superficie útil en réxime especial e os 70,89 de réxime concertado de prezo máximo. En 2021, por exemplo, estabelecíase como tope do aluguer 4% do prezo máximo de venda en primeira transmisión en función da área xeográfica na que se sitúe cada inmóbel. A actualización rebaixa a porcentaxe a 3,7%.

Demanda

O Rexistro de demandantes de vivenda na Galiza tiña esta quinta feira, 10 de agosto, un total de 12.935 persoas inscritas. As que optaban a un aluguer de vivenda protexida eran 8.719, mentres que as rexistradas para comprar eran 1.138 e as inscritas para a opción de arrendamento con opción a compra elevábanse por riba das 3.000, até un total de 3.078.

O pasado mes de marzo o presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, anunciou que a Xunta ía construír entre o presente exercicio e o ano 2025 un total de 1.800 vivendas para aluguer social. Cos datos de demanda a 10 de agosto, eses inmóbeis só cubrirían 1 de cada 5 peticións. Esta oferta escasa contrasta coa expansión das vivendas de uso turístico (VUT). Hai rexistradas perto de 19.000. Son case 1.000 máis que as que había en abril de 2023.

Segundo os últimos datos do Instituto Galego de Estatística (IGE) referentes ao número de vivendas protexidas rematadas en 2021, un total de 155, tan só 5,26% dos novos fogares de nova construción tiveron a cualificación de protexidos. Unha taxa que difire coa do conxunto do Estado español, onde a porcentaxe de vivenda protexida construída sobre o total, 10,59%, é o dobre que na Galiza.

Caída na oferta

Desde 2009, ano do retorno do PP á Xunta da man de Alberto Núñez Feixoo constátase un importante descenso na construción de vivenda protexida, con exercicios como 2017 ou 2019, con 12 e 4 inmóbeis de protección rematados respectivamente. A cifra contrasta coas máis de 3.200, 3.700 e 2.800 vivendas protexidas rematadas en 2006, 2007 e 2008, durante o Goberno de coalición entre o PSdeG e o BNG.

Comentarios