O Partido Popular cualifica de "bulos" as críticas polas deficiencias na Sanidade

A oposición urxe o Executivo galego a "rescatar" a Atención Primaria.
José Pazos Couñago, deputado do PP. (Foto: Parlamento da Galiza)
photo_camera José Pazos Couñago, deputado do PP. (Foto: Parlamento da Galiza)

O deputado do PP José Alberto Pazos Couñago cualificou as denuncias e análises da oposición a respecto das deficiencias da Atención Primaria de "confusión, bulo e insulto". "A pesar dos problemas que ten a Sanidade galega [...] a saúde dos galegos e das galegas está en mans dun dos mellores sistemas sanitarios de Europa e do mundo", afirmou Pazos Couñago.

A intervención do popular foi en resposta á moción presentada onte no Parlamento galego polo BNG e na que instaba a Xunta da Galiza a aplicar as medidas dentro da súa competencia no eido sanitario para resolver a situación de "colapso e precarización" do sistema público de saúde.

Así o dixo onte no pleno a deputada nacionalista Montse Prado, en relación á manifestación que encheu de miles de persoas as rúas de Compostela exixindo unha sanidade pública "de calidade fronte os recortes do PP".

A deputada nacionalista recriminou aos populares que "non asuman ningunha responsabilidade" en arranxar a crise da Atención Primaria na Galiza e que prefiran "buscar culpábeis en vez de ofrecer solucións". 

Prado propuxo 11 medidas para que a Xunta "aplique as súas competencias en materia sanitaria", entre elas aumentar o orzamento destinado a Atención Primaria; a elaboración dun "informe coa situación de cada servizo e unidade" que permita á Administración coñecer as necesidades de cada categoría; ou a transferencia das competencias en xestión dos MIR.

Con este último aspecto discrepou o PSdeG. O deputado socialista Julio Torrado sinalou que, a pesar de estar de acordo co sentir da iniciativa, a proposta "impediría ter unha circulación de profesionais que é beneficiosa para todo o territorio" do Estado.

Das 11 propostas do BNG, 10 foron apoiadas polo PSdeG. O PP votou en contra da totalidade.

Comentarios