O PP veta que Rueda teña que comparecer no Parlamento para explicar a situación sanitaria

O BNG solicitara que o presidente "dea a cara".
OLYMPUS DIGITAL CAMERA
photo_camera A xunta de portavoces reuniuse esta terxa feira.

O PP impediu onte coa súa maioría na xunta de portavoces do Parlamento da Galiza que o presidente galego, Alfonso Rueda, teña que comparecer no pleno para "dar a cara", como solicitaba o BNG, após a multitudinaria manifestación do domingo en contra da política sanitaria da Xunta. O PSdeG, pola súa parte, xa anunciou que a sesión de control ao presidente nesa sesión plenaria centrarase nas "consecuencias do deterioro da sanidade pública".

A viceportavoz do BNG na Cámara galega, Olalla Rodil, lamentou que, "unha vez máis", o PP impida a comparecencia do presidente da Xunta. Rodil explicou que o BNG leva meses intentando que Rueda "dea a cara" e explique que está pasando coa sanidade pública galega mais o titular do Executivo "non fai máis que esconderse".

Para a deputada nacionalista, Rueda debe "escoitar o que lle está a dicir a cidadanía galega": "Aabonda de recortes,  de listas de espera na Atención Primaria e de precariedade do persoal".

Aínda que o presidente da Xunta "intente fuxir", reiterou Rodil, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón preguntará  na sesión de control se a Xunta vai rectificar a súa política sanitaria "que pon en risco a vida de galegos e galegas".

Pola súa parte, a viceportavoz do grupo socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, anunciou que nesa sesión preguntarán a Rueda "polas decisións que tomará o Goberno galego logo da forte contestación social recibida após 13 anos de recortes na sanidade".

Desde o PP, o portavoz parlamentario, Pedro Pui, anunciou que entre as cuestións que o partido ía levar a este pleno estaba a elaboración este ano dun plan galego fronte as condutas aditivas "ante o aumento da prescrición de medicamentos con potencial aditivo, a normalización social do consumo de sustancias ilegais ou a baixa percepción sobre o seu risco".

O BNG presentará unha proposta para a elaboración dun protocolo fronte ás agresións machistas nos estabelecementos de ocio nocturno.

Comentarios