O BNG propón un novo modelo de Atención Primaria con máis servizos

Pontón pide aumentar o peso da sanidade a 25% no orzamento.
bng
photo_camera Ana Pontón e Montse Prado, no centro, durante a reunión.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, deu a coñecer onte unha proposta de reforma da Atención Primaria que, ademais de financiamento, pasa pola creación de equipos multidisciplinares nos centros de saúde, o que permitiría reducir a carga de atención aos médicos de Primaria.

Con estes equipos, preténdese tamén que os pacientes poidan acceder directamente a citas con especialistas como pode ser un fisioterapeuta. A modo de exemplo, referiuse a que se ten unha dor de costas, en lugar de ter que acudir primeiro ao médico de Primaria para que o desvíe ao servizo determinado e entrar nunha lista de espera, a idea sería que poida acudir directamente a pedir cita na axenda do especialista.

A líder da oposición reuniuse con diferentes colectivos implicados para recoller opinións e propostas. Após esta cita, explicou os tres "grandes alicerces" que precisa a sanidade pública, que son "máis financiamento, máis recursos e dotación de persoal suficiente", coa incorporación de novos servizos sanitarios. "Non podemos seguir cun sistema colapsado, que ten detrás máis de 13 anos de recortes, 2.300 millóns entre 2009 e 2023", salientou. 

Dez medidas

Neste contexto, Pontón debullou dez medidas que propón o BNG, entre as que están aumentar a 25% o peso do orzamento destinado en sanidade.  Tamén formulou a proposta de modificación do decreto que regula as areas sanitarias para crear unha estrutura de xestión con capacidade de decisión, orzamentaria e de recursos humanos.

Reforzar  todas as categorías xa presentes en atención primaria en función dos rateos establecidos polas comunidades científicas e incorporar categorías imprescindíbeis para  prestar unha atención integral, como as xa mencionadas.

Pór en funcionamento as carteiras de servizo de cada categoría profesional, facilitando a autonomía e permitindo ás persoas doentes pedir cita directamente é outra desas ideas. Outra das propostas pasa por garantir que nos PACs presten atención sanitaria equipos completos de profesionais, formados por persoal facultativo, enfermería e celadoras/es, persoal de servizos múltiples, como de feito xa establece a normativa e os acordos asinados cos e coas  profesionais.

Unplan inmediato para reter e captar profesionais, que incorpore ofertas con condicións laborais dignas para que se queden os que rematan a formación en Galiza e retornen os que están fóra; e garantir que os profesionais de Primaria podan pedir probas diagnósticas e estas sexan informadas polos servizos correspondentes.

Comentarios